Os partidos ante unha campaña distinta

As formacións políticas prepáranse para encarar unha campaña electoral sen precedentes que obrigará a mudar as formas de relacionarse e de dar a coñecer as propostas programáticas. O Partido Popular xa puxo enriba da mesa o seu desexo de acurtala a sete días, cuestión que a oposición rexeita.
Co confinamento, o papel da televisión é, se cabe, máis importante para a campaña electoral. Na foto, o plató do debate da TVG en 2016.
photo_camera Co confinamento, o papel da televisión é, se cabe, máis importante para a campaña electoral. Na foto, o plató do debate da TVG en 2016 (Imaxe; CRTVG)

A campaña das eleccións galegas que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, convocou para o próximo 12 de xullo será moi diferente ás vividas até o de agora, á vista da situación sanitaria actual que, con moita probabilidade, se manterá nos vindeiros meses.

Nós Diario conversa coas formacións políticas para coñecer como están a preparar a contenda e de que maneira prevén suplir cuestións tan ligadas ás tradicionais campañas como son os mitins, os repartos na rúa ou as vistosas fotos en que os partidos presumen de músculo xuntando moreas de simpatizantes.

O PP quere recortar a campaña a sete días

Fontes do PP sinalaron a este medio que rexeitarán encher os seus actos coa capacidade de persoas que se permita en cada momento. Sinalan que, por exemplo, se nun evento se permitise a entrada de 500 persoas, o partido optará por colocar o tope nun cento.

A respecto desta cuestión pronunciouse onte en rolda de prensa o secretario xeral do PPdeG e coordinador de campaña, Miguel Tellado. "Faremos moitos actos con pouca xente, en vez de moitos actos con moita xente", dixo.

O popular aproveitou para instar os partidos a acordar o recorte da campaña a sete días, en lugar dos 15 que marca a lei. Tellado considerou que unha semana abondaría para que as formacións "explicasen as súas propostas" e considerou que, desta maneira, o tempo restante dedicaríano a atender a crise.

Precisamente foron PSdeG, Galicia en Común e BNG quen instaron o PP a non convocar as urnas para xullo, sinalando o perigo para a saúde que podería supor unha cita electoral en plena pandemia e porque marcaban a prioridade en dar resposta á crise sanitaria e económica e non á contenda electoral.

O PSdeG chama á activación da militancia

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, está a desenvolver encontros con agrupacións de militantes de cara a preparar a campaña. Mais en lugar de seren físicas, son por videoconferencia, sinalan fontes do PSdeG a Nós Diario.

O obxectivo, din, "é falar coas bases, introducilas no espírito de campaña e partillar unha análise do contexto que vivimos nos últimos meses".

De feito, onte na reunión da Executiva do partido, Caballero puña o reto en "activar a militancia para retirar a quen foi o campión dos recortes na sanidade pública", en alusión a Feixoo, e incidiu en que a campaña do PSdeG "ten que servir para mobilizar o electorado progresista".

No PSOE recoñecen que o modelo de eventos virá marcado polas medidas de seguranza, mais afirman que, desde logo, "haberá actos públicos".

En Común exixe que se regulen as regras do xogo

A dirección de campaña de Galicia en Común vén de reactivarse co anuncio da cita electoral para o 12 de xullo. Desde esta estrutura sinalan a Nós Diario que "non é de recibo" que "as institucións encargadas de tutelar o proceso electoral fagan recaer sobre os partidos os aspectos comúns da campaña".

A coalición marca por iso necesario que as institucións elaboren "un marco regulador xeral" para o desenvolvemento da contenda electoral. Nese sentido non consideran viábel que sexan os partidos con representación parlamentaria "quen acorden ou non cambiar a lei e reducir a campaña a sete días", e pregúntanse se o PP ten en consideración na súa proposta que existen partidos extraparlamentarios.

O BNG acusa o PP de contradicirse coa campaña

O BNG reunirá este sábado por videoconferencia o seu Consello Nacional para tratar, entre outros aspectos, o enfoque da campaña e os eixos programáticos.

Goretti Sanmartín, coordinadora da Executiva do Bloque, subliña a Nós Diario que "non se dan as condicións para facer eleccións con garantías e seguridade", e cualifica de "contradición" o intento do PP de reducila, "pois se Feixoo di que hai condicións para facer a campaña, o lóxico sería que se desenvolvese co prazo que marca a lei".

Para o BNG, neste contexto, faise máis necesaria a súa tradicional reivindicación de que haxa "múltiples debates" nos medios públicos e privados "para que todas as forzas expliquen os seus programas", di Sanmartín.

"O BNG velará polo cumprimento dos protocolos sanitarios", afirmou a nacionalista, quen informa de que a formación optará por actos reducidos, con medidas de protección, e duplicará os seus esforzos na edición de audiovisuais e na difusión de ideas nas redes sociais.

A oposición critica o uso electoral da TVG

As forzas da oposición critican o anuncio do PP de querer recortar a campaña a unha semana, sinalando que "Núñez Feixoo leva precisamente dous meses en campaña a través da CRTVG".

O BNG critica así que o presidente da Xunta teña convertido "a radio e a televisión públicas galegas na súa plataforma propagandística" durante a crise. Galicia en Común partilla a denuncia do Bloque e advirte ao presidente de que estarán atentas para denunciar na xunta electoral "calquera intento que teña de empregar a CRTVG para o seu interese".

Comentarios