Opinión

O partido máis especial do Lugo

O do sábado non foi o partido máis importante da historia do Lugo aínda que for o máis especial.


O do sábado non foi o partido máis importante da historia do Lugo aínda que for o máis especial. Foi o partido que máis expectación levantou e que máis seguidores tivo de toda a nosa historia, foi un partido que só poucos podían soñar fai anos. A sorte do Lugo é que uns cantos soñadores con moito senso común están na directiva e iso axuda a que os demáis disfrutemos de momentos como o pasado fin de semana. Só con que o Lugo xogara no Anxo Carro un partido de Liga así, para moitos lugueses, xustificaría todo un ano. Foi o primeiro partido en 39 anos así no Anxo Carro e moitos, vivímolo como se fose o último.

Os xogadores eran conscientes do que supoñía este partido para todos os afeccioados e semellaron acusar un exceso de responsabilidade até que o Dépor se puxo por diante no marcador e o Lugo dixo aquilo  de...de perdidos ao río!! E o río viña con presión e cada balón parado era unha treboada e nun destes chegou o segundo gol, que, falando de ríos, só o podía marcar Insua (pequena illa no curso do río).

Pero Quique Setién xa sabe que a presión do Dépor ten moito que ver coa presión atmosférica que ocasionan as chuvias e, no descanso, dixo  "nunca choveu que non escampara". E así foi como na segunda parte o Dépor meteuse atrás, colleu un autobús dos tantos que viñeron da Coruña e até Juan Domínguez puxo un gorro de natación, queréndonos dicir que a táctica do Dépor fora "nadar e gardar a roupa".

Pita, o amo do curral

Por parte do Lugo, hai que destacar a Pita, Pablo Álvarez e Renella. Pita voltou ser o amo do curral que foi o medio do campo e buscou o gol con máis insistencia ca nunca. Se cadra sendo consciente que de ter nado 5/10 anos máis tarde  a súa carreira no Deportivo sería totalmente distinta.

Na segunda parte o Dépor meteuse atrás, colleu un autobús dos tantos que viñeron da Coruña e até Juan Domínguez puxo un gorro de natación

Pablo Álvarez cambiou o partido e deulle ao Lugo a profundidade precisa para acabar de abrir as fendas que se vislumbraban na muralla coruñesa.

E Renella voltou marcar dous goles cun só toque, coma sempre desde que voltou da lesión, feito que tamén expresa unha certa mudanza no seu xogo despois da mesma. Agora vive moito máis na área que no primeiro terzo da tempada, aínda que agora segue cumprindo coma 9. Eu intúo que se non se tivese mancado, o Lugo estaría consolidado na fase da promoción, as proxeccións estatísticas débeno dicir así. Haberallo que preguntar a Manuel Cordido, o MisterChip lucense.

P.D. Gustaríame mandarlle un saúdo a un bo amigo coruñés que estropeou o seu reloxo de tanto fitar os seus ollos nel.

Comentarios