O Partido Demócrata busca en Georgia o poder absoluto na política estadounidense

O Estado sureño elixe esta terza feira, 5 de xaneiro, dous senadores que decidirán a maioría da Cámara
EuropaPress_3490430_votantes_democratas_acto_campana_celebrado_georgia
photo_camera Partidarios dos candidatos demócratas, nun acto en decembro (Foto: Rich Von Biberstein / Zuma Press)

A "última liña de defensa" contra o control do Partido Demócrata de Washington. Así se presentan David Perdue e Kelly Loeffle, os dous senadores do Partido Republicano polo Estado estadounidense de Georgia, que na votación que esta cuarta feira, 5 de xaneiro, se desenvolve teñen en xogo os seus cargos e, sobre todo, a maioría da súa formación no Senado.

Con Joe Biden na Casa Branca e cunha Cámara de Representantes con maioría demócrata, a composición da Cámara alta do Congreso dos EUA marcará unha diferenza substancial para que as medidas que impulse o próximo presidente poidan ser ou non aprobadas nos próximos dous anos ─cada dous anóvase un terzo dos senadores─. 

Cada un dos 50 Estados dos EUA ten dous senadores. Logo a maioría está en 51 do total de 100 representantes. En caso de empate a 50, a última palabra ─voto─ é para o presidente do Senado, neste caso presidenta, porque a lexislación estabelece que a Cámara alta sexa presidida pola persoa que ocupe a Vicepresidencia do Goberno dos EUA. Isto é, a demócrata electa Kamala Harris.

Tras os comicios do 3 de novembro, o Partido Republicano ten 50 senadores e o Demócrata 48. Georgia, como o resto do país, xa desenvolveu o proceso electoral para elixir os seus dous senadores nesa data. Non obstante, a lexislación deste Estado estabelece a necesidade de obter máis de 50% dos votos para evitar ir a unha segunda volta, como foi o caso.

Candidatos

Perdue, ex directivo de Reebok e un dos grandes defensores de Trump leva seis anos no Senado. En fronte terá a Jon Ossoff, que con 33 anos converteríase no senador máis novo. Desde 2000 os demócratas non gañan un senador por Georgia, mais contan con capitalizar o triunfo de Biden. 

Polo outro posto compiten Loeffle, a parlamentaria con maior patrimonio e inmersa na polémica polo uso de información privilexiada con respecto á pandemia, e Raphael Warnock, un dos pastores negros máis populares de Georgia e titular da igrexa de Atlanta onde predicaba o reverendo Martin Luther King Jr.

Aos republicanos abóndalles con gañar un dos postos en xogo, mais a vitoria de Ossoff e Warnock acabaría con seis anos de control republicano do Senado. 

As miradas están centradas no Estado sureño, tradicionalmente conservador, tamén pola chamada que Donald Trump realizou o sábado ao secretario de Estado de Georgia, Brad Raffensperger, e. Nela o aínda presidente presiona o máximo representante electoral neste Estado para "atopar" os votos suficientes que poidan dar a volta ao resultado electoral nas presidenciais, resultado que Trump aínda non asumiu.

Comentarios