Particulares denuncian Tebas e o Fuenlabrada

Acúsanos de delitos contra a saúde pública
O xogador do Fuenlabrada Chico Flores logo de saír do hospital, onde estivo tres días (Foto: Europa Press).
photo_camera O xogador do Fuenlabrada Chico Flores logo de saír do hospital, onde estivo tres días (Foto: Europa Press).

Suma e segue. Logo de que o Concello da Coruña abrise as hostilidades xudiciais do 'Caso Fuenlabrada' xa a pasada semana, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza informou de que "nove denunciantes" presentaron tres demandas nos xulgados da Coruña contra a Liga de Fútbol Profesional (LFP); o seu presidente, Javier Tebas; e o Club de Fútbol Fuenlabrada acusándoos dun delito de "desobediencia á autoridade e outro contra a saúde pública", polos que piden ao xulgado que esclareza as eventuais responsabilidades penais e civís.

Ao mesmo tempo, a Xustiza deportiva tamén continúa o seu curso e o xuíz instrutor do Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) citou a declarar, entre moitos outros, o presidente do Fuenlabrada, Jonathan Praena; o seu técnico, José Ramón Sandoval; o doutor do conxunto madrileño; os laboratorios Synlab, encargados de realizar os tests para a LFP; e representantes da aeroliña Iberia, encargada do seu traslado até A Coruña e do Hotel NH Finisterre, onde se aloxou o conxunto da expedición do equipo e no que agora permanecen confinados.

Todo iso, ademais no mesmo día en que o Club de Fútbol Fuenlabrada informou de que, por vez primeira desde o estoupido desta crise deportivo-sanitaria, hai xa nove días, non se rexistraron novos positivos.

"Os últimos tests realizados sinalaron que o número de positivos non crece nin na Coruña (18) nin en Madrid (8). A esta noticia únese a boa nova de que os síntomas entre os integrantes son mínimos", detallaron os madrileños nun comunicado.

A mellor desas "boas novas" á que fan referencia foi o regreso ao hotel onde permanecen confinados o resto dos seus compañeiros desprazados até A Coruña do futbolista gaditano José Manuel 'Chico' Flores, logo dunha estadía de tres días no hospital. "Estou ben, pero pasei uns días fatal. Estamos loitando pola saúde, pero tamén por xogar. Nós non temos culpa de nada, só vimos a xogar", indicou o defensa central.

Finalmente, salientar que ao apoio que está recibindo o Real Club Deportivo nas súas reivindicacións uniuse o presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, que desde a prudencia -"porque a situación está xudicializada"- indicou a Faro de Vigo que pelexará "pola presenza do maior número de equipos galegos nas máximas categorías".

Comentarios