Imprimir

O Parrulo estende as alas e gaña por primeira vez

H. Pena | 18 de novembro de 2020

O fulgurante inicio de partido do conxunto galego foi chave para lograr a vitoria. (Foto: O Parrulo).
O fulgurante inicio de partido do conxunto galego foi chave para lograr a vitoria. (Foto: O Parrulo).
Dez xornadas, oito partidos, positivos na Covid-19, unha corentena... cando a situación para o Parrulo Ferrol de fútbol sala aparentaba non ter trazas de mellorar demostrou que segue vivo derrotando na casa o UMA Antequera e reengánchase de novo á loita pola permanencia após ser dado por morto.

Parafraseando o doutor Frankenstein no clásico cinematográfico de 1931, "está vivo!". Cando ninguén contaba xa con el a estas alturas de campionato, o Parrulo Ferrol de fútbol resucitou e logrou o seu primeiro triunfo ligueiro ante o Universidade Málaga (UMA) Antequera (6-3) logo de oito partidos sen coñecer a vitoria.

O inicio dos galegos foi tan desastroso -sumou tan só dous empates e cinco derrotas en sete encontros- que parecía xa desafiuzado na loita pola salvación a pesar de estares aínda nunha fase inicial da competición. Non obstante, como o monstro de Frankenstein, ou Lázaro, levantáronse e non é que andasen, senón que correron, pelexaron e marcaron goles como nunca esta campaña para lograr sumar de tres en tres por vez primeira.

Desde o mesmo comezo do partido a escuadra ferrolá monopolizou o control do balón, superando sen dificultades a presión dos seus rivais, conseguindo nos dous primeiros minutos de xogo adiantarse no marcador por 2-0 grazas a senllos tantos de Iago Rodríguez.

O BeSoccer CD UMA Antequera cambiou entón radicalmente o seu estilo de xogo, adiantando as súas liñas e provocando que o gardameta local, Víctor Espíndola, tivese que realizar varias intervencións de mérito, que non foron abondo para evitar que Alvarito recortase distancias cunha falta directa no minuto cinco.

Co partido completamente tolo, o Parrulo mantivo a concentración, non baixou os brazos e conseguiu grazas a Miguel un terceiro tanto, estabelecendo o 3-1 co que se chegaba ao tempo de descanso. Unha vez reanudado o encontro continuaba a tónica favorábel aos intereses galegos, pois Ique marcaba o 4-1 logo dunha maxistral asistencia de Adri que practicamente sentenciaba o duelo.

Con todo, foron quen de aumentar a vantaxe até 6-1 da man de Isma e do propio Adri, quen transformou un claro penalti cometido por Raúl Canto sobre Miguel, quen recibiu un forte empurrón dentro da área. Corría entón o minuto 37 e parecía que o partido remataría así, mais a lóxica relaxación levou a que case sobre a sirena os andaluces recortasen distancias até estabelecer o 6-3 definitivo.

Estes tres puntos non son suficientes para que o Parrulo abandone a posición de fechacancelas, mais queda a só un punto da permanencia, e podería dicir adeus aos postos de descenso se consegue derrotar un irrecoñecíbel Fútbol Club Barcelona, penúltimo clasificado, o vindeiro domingo 22 ás 19 horas no Palau Blaugrana.

O Burela cae co El Pozo

A situación do Burela Pescados Rubén, o outro representante galego na Liga Nacional de Fútbol Sala, é bastante máis tranquila que a do Parrulo Ferrol, a pesar de caer derrotado na última xornada co poderoso El Pozo Murcia (2-1). 

Empezou moi ben a escuadra da Mariña, sorprendendo o porteiro do El Pozo no minuto tres de partido. Giasson gañou a pugna polo balón na banda das filas murcianas e serviullo a Pitero, quen converteu logo de sortear Juanjo. Mesmo minutos despois o pau evitou o que puido ser o segundo tanto dos laranxas.

Paradynski conseguiu a igualada a cinco minutos para o descanso, cazando un rexeitamento do pau desde o saque de curruncho, aínda que a estratexia a punto estivo de dar o segundo para os galegos no último minuto, cun remate de Javi Rodríguez que marchou fóra por moi pouco.

Lamentabelmente para os seus intereses, Paradynski anotaría o segundo e definitivo tanto da vitoria para un Pozo Murcia que adianta así un Burela Pescados Rubén que ocupa a sétima praza con 12 puntos, aínda que a tan só tres do terceiro clasificado, Jimbee Cartagena.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/parrulo-estende-alas-gana-primeira-vez/20201118192538109336.html


© 2020 Nós Diario