Paro do persoal de Zara en Lugo en protesta polo “exceso” de carga de traballo

zara lugo paro imaxe de UGT Zara Logística
photo_camera Foto: UGT Zara Logística

O ano comeza con mobilizacións en Galiza nunha cadea do grupo Inditex. Desta volta na de Zara e en Lugo, onde metade do persoal secundou o paro convocado por UXT en protesto pola “excesiva carga de traballo”.

O paro decorreu no primeiro día de rebaixas. UXT lembra que o comité de empresa leva tres anos reivindicando un máximo de tres feches por semana e un sábado libre ao mes sen que desde a empresa se atendese esta demanda, que si se admitiu noutras provincias.

Inditex ten, pois, un novo foco de conflito. Desde a greve das traballadoras de Bershka na provincia de Pontevedra a mediados de 2017 fóronse sucedendo diferentes mobilizacións: do persoal de Lefties, dos operarios de montaxe e reforma das tendas do grupo Inditex, das traballadoras contra as máquinas de autocobro…

A finais de 2018, CIG, sindicato maioritario nesta empresa nas catro provincias galegas, anunciaba que ía desenvolver unha campaña de denuncia das condicións laborais das traballadoras de Inditex. A central denunciaba o exceso de carga de traballo , unha situación que provoca, explicou a secretaria nacional da federación, Transi Fernández , que “en todas as cadeas as compañeiras estean absolutamente esgotadas, que teñamos os almacéns ateigados de roupa para vender, que teñamos que colocala nas tendas cando veñen os camións…” Unha sobrecarga que, ao seu entender, só se soluciona contratando máis persoal.

En novembro do ano pasado, aliás, cinco sentenzas xudiciais condenan Zara por despedimento improcedente e fraude na contratación na Coruña.

Comentarios