O paro descende en maio en 547 persoas mais mantense en 30.000 desempregadas máis que hai un ano

As persoas rexistradas nas oficinas de desemprego son 191.082.

Maio supuxo un descenso no paro rexistrado de 547 persoas na Galiza, un descenso de 0,3% , dato mellor que o rexistrado a nivel de Estado español, e onde o desemprego aumentou en 0,7%. A recuperación paulatina da actividade que se permitía co desconfinamento após o confinamento estrito de marzo e abril deixa esta feble pegada na baixada do paro.

Porén, unha comparativa co mesmo mes, maio, do ano pasado indica que a situación non está para botar foguetes: hai agora 30.277 persoas máis rexistradas no paro que daquela.

Os contratos rexistrados o mes pasado foron 30.873, moito menos que nun mes normal. Porén, o que si se mantén é a alta temporalidade: máis de 27.000 deles son indefinidos.

No que atinxe á Seguridade Social, as afiliacións aumentaron en 1.600. Como pasa co paro, é cando comparamos co mesmo mes do ano pasado cando vemos a magnitude do impacto da crise do coronavirus: hai agora 42.000 persoas afiliadas menos.

A CIG incide en que máis do 30% da poboación activa galega está no desemprego. "En total, son 401.207 as persoas que se atopan no paro ou afectadas por un ERTE, o que significa que un de cada tres galegos e galegas en idade de traballar non o está a facer".

Desde a UXT consideran que os datos de paro urxen "estender a protección ás persoas traballadoras e un plan de reconstrución para superar a crise da COVID19 sobre o emprego".

Para CCOO, os datos son "conxunturalmente positivos", e responden tanto á especialización produtiva galega, cunha menor dependencia do sector turístico, como ao regreso á actividade pola desescalada. Con todo, mentres a actividade non se recupere por completo, "non poderemos ter unha avaliación axustada do impacto no mercado laboral galego da crise provocada polo coronavirus", advirte o sindicato.

Comentarios