EPA: o paro rexistrado baixa en 13.600 persoas na Galiza

O desemprego descende 8,81% e a ocupación laboral ascende en 18.500 persoas.
oficina emprego
photo_camera [Imaxe: Cedida] Oficina de emprego

O segundo trimestre do ano deixa na Galiza, segundo os dados da EPA, 13.600 persoas menos rexistradas nas oficinas de desemprego. Segundo dados do Instituto Nacional de Estadística, o paro diminuíu nun 8,81% e fica en 140.400 a cifra de persoas no desemprego. Unha cifra que supón unha baixada de 34.700 parados e paradas (un 19’8%) respecto ao ano anterior.

No que atinxe á ocupación laboral, o número de persoas con contrato laboral ascendeu en 18.500 en comparación ao trimestre anterior. Actualmente, a totalidade de persoas que traballan na Galiza é de 1.098.800 individuos, en concreto 23.000 traballadores máis que hai doce meses.

A taxa de desemprego experimentou unha baixada de 2,7 puntos até situarse en 11’33% e a taxa de actividade alcanzou 53’08%. Estes datos contrastan cos obtidos polo INE da media estatal. En España a taxa de paro tan só descendeu un 0’7 % até alcanzar 14’02% e a taxa de ocupación subiu até situarse en 58’7%.

Este segundo trimestre supuxo, ademais, un incremento de 0’4% do número de activos na Galiza. Un total de 5.000 persoas máis en idade de traballar que fai un computo global de 1.239.100 individuos.

Comentarios