O Parlamento propón permitir a asistencia telemática e delegar o voto en caso de corentenas

Ante o actual contexto e a posibilidade de que un surto de coronavirus afecte os grupos parlamentares, un informe dos servizos xurídicos da Cámara galega propón unha reforma do regulamento para posibilitar unha alternativa ao funcionamento tradicional do hemiciclo e evitar así unha eventual parálise do Lexislativo.
 
Parlamento da Galiza (imaxe: Europa Press)
photo_camera Parlamento da Galiza (imaxe: Europa Press)

Un informe dos servizos xurídicos do Parlamento galego propón reformar o regulamento do hemiciclo para posibilitar unha vía alternativa ao funcionamento tradicional da Cámara que permita así, ante un posíbel gromo de coronavirus nos grupos parlamentares, que o poder Lexislativo non caia nunha parálise.

A proposta dos servizos xurídicos remitiuse aos grupos da Cámara e propón incluír a posibilidade da asistencia telemática e voto delegado para as e os deputados que "non puidesen asistir ás sesións de forma xustificada por atoparse nunha situación epidemiolóxica que lle imposibilite a presenza física na sesión correspondente".

Os servizos xurídicos inclúen un cambio no artigo 84 do regulamento, en que se recolle a votación das e dos deputados, modificado no ano 2012 para permitir o voto delegado -ou tamén telemático- a aquelas persoas que se atopasen en situación de permiso de maternidade ou paternidade.

Esta proposta foi elaborada despois de analizar as medidas deste tipo adoptadas noutros parlamentos e busca que a fórmula que finalmente se poida adoptar a través dunha reforma puntual do regulamento "encaixe no vixente ordenamento xurídico galego e español".

O documento foi remitido aos grupos para que se poidan pronunciar sobre el na próxima reunión da xunta de portavoces.

De ser aceptada polas formacións, coa redacción proposta ou coas modificacións que "unanimemente" se poidan acordar, a Mesa e a xunta de portavoces "asumirían a proposta para impulsar a tramitación parlamentaria".

Participación telemática, voto delegado e videoconferencia

"A Mesa, de acordo coa xunta de portavoces, poderá habilitar excepcionalmente a presenza, o voto delegado, sistemas de videoconferencia ou calquera outro sistema técnico viábel e adecuado que garanta, para todos os efectos regulamentarios, a asistencia e participación nas sesións e nos debates e o exercicio do dereito de voto", recolle, na súa literalidade, a proposta realizada polos servizos xurídicos, por solicitude da xunta de portavoces do pasado 15 de setembro.

O grupos puxéronse de acordo para que os servizos xurídicos estudasen unha fórmula que permita salvar este escollo no suposto caso de que a pandemia por coronavirus, ou outra situación futura semellante, afecte de plano á institución do Lexislativo.

A Cámara estaba disolta no confinamento

Durante a primeira onda do coronavirus, en que se decretaron as medidas de confinamento, a Cámara galega acolleu varios debates, mais atopábase nunha situación singular, xa que estaba disolta pola convocatoria de eleccións de 5 de abril, finalmente adiada e convocada, finalmente, para o pasado 12 de xullo.

O período transitorio fixo que só quedasen como membros da Cámara as e os integrantes da deputación permanente, un órgano que está 'de garda' entre lexislaturas ou en períodos non hábiles. Neste caso, a Deputación Permanente reuniuse para abordar varias comparecencias do Goberno galego, que excepcionalmente se realizaron a porta fechada e no hemiciclo (practicamente baleiro) para manter a distancia de seguridade.

Este período excepcional, coa cámara disolta pero sen eleccións convocadas, fixo que os servizos xurídicos tamén se tivesen que pronunciar sobre as 'capacidades' da deputación permanente, para habilitar a posibilidade de que funcionase, de forma excepcional, como unha sorte de 'pleno' máis pequeno, coa posibilidade de acoller máis iniciativas que unicamente comparecencias.

Pero finalmente a nova convocatoria de eleccións paralizou este 'ensaio' dos grupos, despois de que os servizos xurídicos pronunciásense de forma favorábel a que este órgano puidese controlar 'de oficio' o Goberno e tramiasee iniciativas de impulso -como son as proposicións non de lei e as mocións-, algo que requiría en todo caso o acordo político como no seu día suscitábao a suspensión electoral.

Con todo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, foi fortemente criticado pola oposición (daquela catro grupos: BNG, PSdeG, Común da Esquerda e Mixto) por non acudir ao Parlamento comparecer e dar conta da crise do coronavirus a nivel social, sanitario e económico e, en cambio, realizar comparecencias case diarias na CRTVG sen, por tanto, posibilidade de que a oposición puidese participar nin facer control político da xestión da pandemia.

Argumentos do informe xurídico

Nos argumentos que se inclúen no documento actual para a reforma do regulamento, os servizos xurídicos lembran que na pandemia da Covid-19, parlamentos e outras institucións de Goberno están suxeitos ás mesmas medidas de distanciamento social que outras organizacións públicas e privadas. Con todo, en tempos de crises, "o papel do Parlamento é máis vital que nunca para aprobar leis de emerxencia, asignar recursos e controlar a acción do Goberno".

Comentarios