O Parlamento pide á Xunta que procure unha alternativa a Sálvora para verter os lodos do dragado do Lérez

O Pleno aprobou por unanimidade unha proposición non de lei na que lle pide ao Goberno unha “proposta alternativa e sustentábel” para depositar eses residuos.

Parlamento de Galiza
photo_camera Parlamento de Galiza

O Parlamento Galego acorda demandar da Xunta a elaboración, conforme á normativa vixente e ás directrices existentes a respecto deste tipo de actuacións, dunha proposta alternativa e sustentábel para o depósito dos lodos procedentes do dragado do Lérez, de tal forma que se garanta que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa”. Eis o texto aprobado por unanimidade no Parlamento da Galiza esta quinta feira a raíz dunha proposición non de lei presentada por En Marea.

A declaración prodúcese após unhas semanas nas que desde sectores produtivos, veciñais e de defensa do territorio se advertira de mobilizacións se finalmente eses lodos ían verterse nun punto situado a 2 millas de Sálvora e 3,7 millas de Ons, ambas as dúas illas do Parque Nacional Illas Atlánticas. “Un despropósito”, denunciaba en conversa con Sermos Galiza Xaquín Rubido, Xocas, presidente da Plataforma en defensa da ría de Arousa. Para Miguel Iglesias, patrón maior de Rianxo, “o do vertido dos lodos é outra espada riba da cabeza do sector do mar, e xa non eran poucas”

Desde a Consellaría do Mar negouse desde o primeiro momento que estes lodos fosen contaminantes e criticou o “alarmismo” xerado en torno a estes vertidos.

Comentarios