O Parlamento insta a Xunta a se mover pola endometriose

A Comisión de sanidade aprobou unha iniciativa promovida pola asociación querENDO e presentada por AGE que pula pola investigación, a detección e o tratamento desta doenza. 

querENDO

Na Galiza cífranse en 60 mil as mulleres con endometriose. Porén, o noso país non conta mais que cunha unidade de atención específica, localizada en Vigo. O tempo medio en se diagnosticar sitúase en 8 anos o que complica os tratamentos.

Perante esta realidade a asociación querENDO, após as xuntanzas desenvolvidas cos grupos parlamentares, promoveu unha iniciativa coa que instan a Xunta de Galiza a impulsar medidas concretas que melloren a calidade de vida das doentes, a atención sanitaria que reciben e o coñecemento da enfermidade entre as equipais profesionais. 

Coidados, coñecemento e protocolos

Na última sesión da Comisión de sanidade todas as forzas políticas apoiaron a proposición non de lei presentada pola deputada de AGE, Eva Solla, na que se acorda trasladar ao goberno galego a necesidade de "difundir a Guía de coidados" redactada polo Ministerio español de sanidade e asuntos sociais á fin de mellorar a atención sanitaria que reciben as doentes de endometriose e ás que, entre outras cuestións, se lles insta a aguantar a dor pola identificaren coa mestruación. 

Así mesmo, defenden a creación de grupos de traballo multidisciplinares para avaliar a posta en andamento dun plan de detección precoz da doenza; levar a cabo a creación de unidades de endometriose específicas nos hospitais públicos; e facilitar as derivacións incluíndo áreas sanitarias fóra de Galiza. Para isto é preciso o desenvolvemento de protocolos de actuación. 

A proposición inclúe fomentar o coñecemento da enfermidade entre as mulleres particularmente entre as menores de 25 anos e promover a investigación nos Institutos de Investigación Sanitaria de Galiza. 

Comentarios