O Parlamento da Galiza compila nun volume todas a súa colección de arte

O Parlamento de Galiza acolleu a presentación dun catálogo compilatorio da súa colección de arte, que contou con textos a cargo do profesor Francisco Xavier Limia e que estará dispoñíbel en vindeiras datas para a súa descarga en formato dixital.

Libro arte parlamento galego
photo_camera Vista cenital da presentación do volume (Parlamento de Galiza)

O Parlamento de Galiza acolleu a presentación dun catálogo compilatorio da súa colección de arte, que conta con textos a cargo do profesor Francisco Xavier Limia e que estará dispoñíbel en vindeiras datas para a súa descarga en formato dixital.

O presidente da cámara, Miguel Anxo Santalices, definiu a colección do Parlamento como “unha das máis variadas e valiosas da arte galega contemporánea”, e quixo destacar, asemade, que as obras “son visitábeis”, animando á cidadanía a coñecer o Pazo do Hórreo.

Coa publicación deste catálogo e a asistencia ao acto de diferentes artistas e as súas familias, a dirección do Parlamento quixo “escenificar o compromiso e o respaldo explícito do poder lexislativo ao universo creativo galego”, ao tempo que ofrecía “man tendida” a institucións como a Real Academia Galega Nosa Señora do Rosario.

Criterios museísticos

A colección de arte do Parlamento de Galiza está integrada por  máis de 300 obras: pintura e escultura, fundamentalmente, aínda que conta tamén con fotografías, documentos, reposteiros, vidreiras e medallas. 

Trátase de obras do século XX e de comezos do XXI, que nuns casos son propiedade da Cámara e noutros están cedidas en depósito, razón que levou a Santalices a agradecer a “xenerosidade” dos autores ou propietarios das pezas en depósito.

É, na súa opinión, unha colección  que “enriquece o patrimonio público, alimenta a sensibilidade artística e intelectual do noso pobo e certifica a ilimitada vocación creadora dos nosos artistas”.

Para Santalices, a publicación do volume presentado hoxe vai “máis aló do labor editorial”, xa que se enmarca “nunha estratexia máis ampla”, que inclúe a catalogación, xestión, ordenación e conservación da colección seguindo criterios museísticos, labor para o que a Cámara conta co asesoramento da Real Academia Galega de Belas Artes.

Comentarios