A prohibición das touradas a menores de 16 anos volta ao Parlamento galego

A Cámara terá que se posicionar a respeito da proposición non de lei que defenderá a deputada do BNG Ana Pontón, redactada en parceiría coa organización animalista Galiza Mellor sen Touradas.

Manifestación contra as touradas en Pontevedra Foto: GZ Videos
photo_camera Manifestación contra as touradas en Pontevedra Foto: GZ Videos

Hai cinco anos, o Parlamento galego posicionouse en contra de permitir a entrada de espectador@s menores de 16 anos ás corridas de touros. Porén, desde aquela até hoxe "non se fixo nada nesa dirección" e por iso a vicevoceira do BNG na Cámara galega, Ana Pontón, voltará levar á sede parlamentar o veto de menores nas touradas. 

Así o sinalou a propia Pontón en rolda de imprensa canda o voceiro de Galiza Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, comparecencia en que presentaron o texto da proposición non de lei que defenderá a nacionalista co obxectivo de "denunciar os efectos negativos nos menores que acceden aos festexos taurinos". 

Sinalou Pontón que existen países que prohiben a entrada dos menores ás corridas --Perú, Venezuela, Ecuador ou Portugal, onde a restrición se mantén nos seis anos-- e, por iso, considerou que tamén na Galicia debería "implantarse esta medida" para "protexer os menores da violencia dos espectáculos taurinos".

Pola súa banda, Rubén Pérez reiterou que a plataforma urxe ao Goberno galego a "desenvolver medidas lexislativas como as que existen xa en diferentes estados" porque "a violencia ten que desaparecer". Seguindo as indicacións da Convención Internacional dos Dereitos d@ Nen@, Pérez esixiu que non se sigan a expor os menores a este tipo de prácticas. 

Comentarios