O Parlamento europeo debate esta quinta feira a ilegalización da Fundación Francisco Franco

A Eurocámara será o escenario esta quinta feira en Estrasburgo dun debate sobre a necesidade de pór freo ao avanzo do fascismo. A resolución foi impulsada polos grupos progresistas da cámara e ten entre as súas relatoras a parlamentaria do BNG Ana Miranda. A iniciativa postula a ilegalización da Fundación Francisco Franco. O debate coincide no tempo coa nova comparecencia de integrantes dos 19 de Meirás perante o xuíz de Betanzos após seren denunciados pola familia do ditador.

rolda resolución neofascismo
photo_camera Ana Miranda mostra un material sobre o Pazo de Meirás

A resolución que votará a Eurocámara leva a asinatura de tres relatoras: a italiana Eleonera Forenza, a sueca Soraya Post e a galega Ana Miranda. As tres compareceron esta cuarta feira en conferencia de imprensa para apresentaren a iniciativa.

“O artigo 20 da resolución urxe que os Estados Membros prohiban as asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. É dicir, desde o Parlamento Europeo pedimos ao Estado español que prohiba a Fundación Francisco Franco”, avanzou Miranda.

A iniciativa xorde a impulso da eurodeputada Eleonera Forenza, quen o pasado 21 de decembro sofreu un ataque violento, canda ela tamén un seu asesor, por parte dun grupo neonazi.

“Temos [desde a Eurocámara] que poñer en marcha medidas, de forma urxente, para frear a violencia, tanto física como institucional, que se produce en Europa por parte de grupos neofascistas", urxiu Miranda, quen tamén tivo palabras para se solidarizar cos 19 de Meirás, o colectivo de militantes nacionalistas denunciados pola familia do ditador após faceren un acto simbólico de reivindicación da restitución do Pazo de Meirás.

Precisamente esta mesma quinta feira 14 dos 19 de Meirás —os cinco restantes xa o fixeron— prestarán declaración perante o xuíz de Betanzos que leva o caso, dentro da fase de instrución da causa que se segue contra eles. Está previsto que haxa unha concentración en solidariedade con eles, por volta das 12 horas, na praza Irmáns García Naveira de Betanzos (fronte aos xulgados).

Comentarios