O Parlamento deixa "vacante" o escano de Luís Villares a cinco días de constituírse o novo hemiciclo

A pesar de ser un formalismo, posto que apenas faltan cinco días para a constitución do novo hemiciclo, a Mesa da Deputación Permanente "acepta a renuncia de Luís Villares Naveira como deputado".

O líder de En Marea, Luís Villares, no seu despacho no Parlamento (Europa Press).
photo_camera O líder de En Marea, Luís Villares, nunha imaxe de arquivo no seu despacho no Parlamento (Foto: Europa Press).

A Mesa da Deputación Permanente reuniuse o pasado 31 de xullo para, entre outros asuntos, tomar en consideración a renuncia que presentara o xa exdiputado e maxistrado Luís Villares. A propia Deputación Permanente celebrou ese mesmo día, por primeira vez na historia da cámara, unha reunión para debater sobre a convocatoria de dúas comparecencias.

A renuncia de Villares está recollida no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia (BOPG), recollido por Europa Press, con data deste 3 de agosto. Así, cinco días antes de que se constitúa o novo hemiciclo saído das urnas o pasado 12 de xullo, a Cámara declara "vacante" un escano da antiga En Marea por Lugo, que xa non se cubrirá.

E é que estes trámites practicamente extemporáneos producíronse, segundo explicaron a Europa Press fontes da contorna do maxistrado, meses despois da planificación inicial que se fixo, posto que a intención inicial tiña en conta deixar o posto en canto se celebrasen os comicios de abril.

Concretamente, estas mesmas fontes indicaron que a idea de Villares era pedir a súa reincorporación á magistratura ao día seguinte das eleccións previstas inicialmente para o 5 de abril, co fin de evitar calquera interpretación de ánimo de "interferir" no proceso electoral desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

Pero a situación de crise sanitaria atrasou varios meses este movemento, posto que primeiro canceláronse as eleccións e, despois, convocáronse para o 12 de xullo. A intención do maxistrado, segundo estas mesmas fontes consultadas, era evitar unha lectura das súas sentenzas comprometida polas eleccións.

"En definitiva, quedar á marxe de asinar sentenzas, por estética xudicial", explicaron estas mesmas fontes a Europa Press, as cales tamén apuntaron que en canto pasaron os comicios de xullo, Villares presentou a súa renuncia, pero a Mesa "non se reuniu" para tomala en consideración até o venres pasado.

Así, e a pesar de ser un formalismo, posto que apenas faltan cinco días para a constitución do novo hemiciclo, a Mesa da Deputación Permanente "acepta a renuncia de Luís Villares Naveira como deputado e declárase vacante o seu escano pola circunscrición electoral de Lugo na lista de En Marea".

A vontade do deputado foi "expresamente" manifestada mediante a súa comparecencia ante a Mesa da Cámara, un trámite que é perceptivo. A renuncia ten efectos xurídicos con data do 31 de xullo de 2020.

Comentarios