O Parlamento deixa sen sanción o rasgamento da foto de Felipe VI por parte de Luís Bará

Os servizos xurídicos non consideran puníbel o acto simbólico. Os órgaos de goberno da cámara limítanse a considerar "impropia" a conduta de Luís Bará.

BARA  (4)

Bará nen sequer foi advertido pola presidencia da Cámara durante o debate en que, esta cuarta feira, rachou unha imaxe do monarca. Tampouco foi chamado á orde. Segundo puido saber Sermos, presións do PP -e de Monte Pío- levaron ao presidente do Parlamento a encarregar un informe aos servizos xurídicos con vistas a sancionar o deputado. Os letrados da cámara non deixan lugar a dúbidas no seu ditame. Non hai nada puníbel no acto do parlamentar. E, alén do máis, concluído o debate, nen a Presidencia nen a Mesa dispoñen de faculdades sancionadoras, foren económicas ou relativas aos dereitos de Bará como parlamentar.

Sen o respaldo xurídico, a Mesa -un órgao político controlado pola maioría absoluta do PP e que se reuniu de urxencia esta sexta feira- fai unha interpretación moi restritiva do regulamento da cámara para concluír que a actitude de Bará suporía un "claro incumprimento" dos deberes dos parlamentares previstos no artigo 13 do regulamento da cámara e para estabelecer que, en función do artigo 105.1, o deputado pontevedrés tería tido unha conduta contraria ao decoro do Parlamento.

A Mesa sinala que "a destrución da imaxe fotográfica do xefe do Estado nunha sesión parlamentar é unha conduta digna de reproche en sede parlamentar e impropia dun membro desta cámara".
 

Comentarios