Igualdade

O Parlamento aproba elaborar un plan de arquivos con perspectiva de xénero

O Parlamento reclama á Xunta a elaboración na presente lexislatura dun plan de arquivos con perspectiva de xénero. A proposición non de lei foi presentada polo BNG logrou o apoio unánime dos grupos da cámara galega. Preténdese rematar así “co desleixo da Xunta” en materia de arquivos e documentos e incorporar a perspectiva feminista na xestión e difusión da memoria arquivística galega.

Olalla Rodil. Comisión de Cultura
photo_camera Olalla Rodil. Comisión de Cultura

A cámara galega, por acordo unánime de todos os grupos, reclama  á Xunta a elaboración dun plan de arquivos con perspectiva de xénero durante esta lexislatura. A proposición non de lei foi defendida por Olalla Rodil, deputada do Bloque Nacionalista Galego, en comisión parlamentaria.

O vindeiro 9 de xuño celebrarase o Día Internacional dos Arquivos e, con tal motivo, Rodil presentou na comisión de Cultura do Parlamento Galego una iniciativa que reclama a Xunta a aprobación na presente lexislatura do Plan de arquivos que xa figuraba previsto por lei desde o ano 2014 mais incluíndo a perspectiva de xénero de maneira transversal.

A proposición non de lei presentada polo BNG resultou aprobada por unanimidade de todos os grupos

A proposición non de lei presentada polo BNG resultou aprobada por unanimidade de todos os grupos incorporando unha emenda do Partido Popular.

A deputada nacionalista lembrou na comisión de Cultura a problemática que supón o “incumprimento flagrante” por parte da Xunta de Galiza da Lei do 2014 de Arquivos e Documentos de Galiza. Segundo esta norma prevíase a aprobación do plan no prazo dun ano após a súa entrada en vigor, cuestión que se incumpre desde hai un lustro, tal e como denunciou Olalla Rodil.

A proposició recolle as recomendacións e conclusións do Informe sobre os arquivos de Galiza. Unha perspectiva de xénero e feminista 

A proposición non de lei presentada polo BNG tamén recolle as recomendacións e conclusións do Informe sobre os arquivos de Galiza. Unha perspectiva de xénero e feminista publicado recentemente polo Consello da Cultura Galega e coa que se insta a incorporar na planificación do goberno galego a “perspectiva de xénero de maneira transversal”, como afirmou Rodil, incluíndo medidas encamiñadas ao uso non sexista da linguaxe, tanto na xestión do material como nas dinámicas de traballo do persoal, dando cumprimento ao principio de igualdade entre mulleres e homes.

“Nin é neutra nin inocua a xestión da información”, sinalou Rodil

“Nin é neutra nin inocua a xestión da información, sexa no ámbito dos arquivos e bases documentais ou mesmo nos medios de comunicación”, sinalou Rodil; motivo polo que resaltou como cuestión urxente a incorporación de medidas tendentes a visibilizar as mulleres e a súa contribución ao longo da historia.

A proposta aprobada obriga ademais a Xunta de Galiza a comprometer recursos orzamentarios que garantan o cumprimento das medidas.

Comentarios