SETE FALARES

Para aprender a escoitar

Entre o 6 e o 9 de xuño, Pontevedra acolle a oitava edición de Sete Falares, o Encontro Internacional dos Contadores de Historias, organizado por Pavís Pavós. A narración oral como eloxio da lentitude, contos para aprender a importantísima capacidadede escoitar. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 348 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto2
photo_camera Quico Cadaval nunha edición anterior de Sete Falares

6O dicionario en liña da Real Academia Galega define a expresión “sete falares” como “falar polos cóbados”. É tamén o nome do Encontro Internacional de Contadores de Historias que organiza a compañía Pavís Pavós en Pontevedra entre o 6 e o 9 de xuño. Esta celebración da palabra dita, do conto como exemplo de vida e ferramenta para coñecer mellor a existencia, e tamén da tradición popular, atinxe a súa oitava edición. “É un festival pero tamén é un encontro”, explica a Sermos Galiza Xacobe Rodríguez, de Pavís Pavós.

Candido Pazó inaugurá a sexta feira 6 de xuño os Sete Falares. Que naceron da preocupación e a teima de Rodríguez e a súa compañeira en Pavís Pavós Tereixa Alonso. “Nós sempre contamos contos para cativas e cativos, e mais para o público familiar. Decatámonos de que adoitaba haber pais e nais que se enganchaban ás historias”, fai memoria Rodríguez, “queriamos traer narradores e narradoras a Pontevedra. E queriamos que se visualizase que era unha actividade tamén para o público adulto”. Coa promoción do Concello de Pontevedra e o apoio da Deputación, así naceu Sete Falares.

Os relatos foron chegando de aquí e de acolá, con especial atención aos países de fala portuguesa: Brasil, Portugal, São Tomé e Príncipe. Este ano será a brasileira Tâmara Bezerra a representante da Lusofonía. De Colombia procede Carolina Rueda e de Ecuador, Ángela Arboleda. Galegos son, ademais de Pazó, os propios Pavís Pavós e o escritor e músico Xurxo Souto.

O fío común

“A narración oral é común a todas as sociedades”, sintetiza Tereixa Alonso, “todas as culturas teñen en común que as persoas se xuntan para contar historias”. A transmisión oral dos contos, ben sexa na casa, ben no traballo, sobreviviu ás mutacións sociais, atravesou os séculos, e con evidentes matices, existe aínda hoxe. “Porque falan do cotián”, responde Alonso, “aínda que unha historia sexa fantástica, fala do día a día. Por exemplo, un conto sobre aparecidos está explicando a angustia, sentimentos reais. Así é que lle gustan a todo o mundo”.

Mais as historias que se escoitarán no Sete Falares non nacen unicamente na tradición popular. Os contos clásicos, a literatura ou as historias de vida informan os materiais dos e das narradoras. Non así os monólogos, tan á moda pero que non gustan na organización. E iso que esta se amosa lonxe de prexuízo ningún. De feito, Alonso defende que as crianzas deben sentir a crueza e as aprendizaxes dos contos clásicos. “Neste tempo en que todo se adoza e o politicamente correcto domina”, di, “é marabilloso ver como un pequeno ou unha pequena fican pampos con Hansel e Gretel ou cos Sete Cabritiños. Á rapazada gústalle que pasen cousas. E aos adultos, claro”.

[Podes ler a peza íntegra no número 348 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios