O Centro Ramón Piñeiro acolle o legado da poeta

Os papeis de Luísa Villalta

A obra poética de Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) transitou os territorios que comparten música e escrita. Produciu o seu propio espazo no tempo en que eclosionaba a promoción dos 90. Catro libros publicados en vida valéronlle o favor da crítica e fieis lectores, defensores da súa proposta. A súa familia vén de ceder os seus fondos documentais ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
 

A escritora Luísa Villalta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A poeta Luísa Villalta. Foto: Real Academia Galega.

Entre os máis de 1500 documentos que compoñen o legado -cuxa entrega se oficializou a pasada sexta feira na sede da institución, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística- constan “media ducia de poemarios manuscritos inéditos”. A súa revisión e exhumación, que realizarán as investigadoras do Piñeiro -que dirixe o crítico literario Armando Requeixo-, suporán unha reavaliación da poesía de Villalta.

DepositoLegadoLuisaVillata1

Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004) foron os volumes que a poeta deu ao prelo. Ademais, publicou unha ampla obra ensaística con títulos como O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) ou O outro lado da música, a poesía (1999) e incursións na narrativa.

“Trátase dunha das autoras máis importantes da literatura galega recente”, afirmou o responsábel de Política Lingüística Valentín García, “e agradecemos á familia a entrega xenerosa deste legado que nos permitirá afondar no coñecemento da obra de Luísa Villalta”. Para facer efectiva a cesión, García, Armando Requeixo e Manuel González -secretario do centro- recibiron no Ramón Piñeiro a nai -María Gómez Castro- e a irmá -Susana Villalta Gómez- da escritora.

Ademais dos seis libros de poemas inéditos, entre os papeis de Villalta hai unhas 600 cartas de creadores galegos, cataláns, vascos ou portugueses; medio cento de cadernos de dietario; unha peza teatral sen publicar; un cento de conferencias anotadas a man; gravacións en vídeo e audio de eventos en que participou e docimentación persoal.

Nota: na imaxe, de esquerda a dereita, Manuel González, Susana Villalta, Valentín García, María Gómez e Armando Requeixo. Foto: Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Comentarios