A pandeira volve reinar nos Ancares nas mans das mulleres tocadoras de Galiza, León e Asturies

Piornedo acolle este sábado, 25 de agosto, a XIII Festa da Pandeira, que contará coa presenza de 12 ‘tocadoras’ dun instrumento único.

Pandeira
photo_camera Pandeira

Desde hai trece anos Piornedo (Cervantes) acolle o único encontro adicado á 'pandeira', un instrumento tradicional dos Ancares galegos e as zonas colindantes de León e Asturies. De maior tamaño que a pandeireta, é un instrumento “empregado durante séculos para acompañar o canto das mulleres”, como teñen explicado desde a organización da Festa da Pandeira, que corre a cargo de AC 'O Teixeiro' . Este ano daranse cita 13 tocadoras, todas mulleres: de Donís, Piornedo, Villaver (Galiza) a Suárbol (León), pasando por Degaña (Asturies), mulleres tocadoras que levan décadas coñecendo o segredo da pandeira.

Unha delas, Amparo Voces ‘A Chana’ vai ser a homenaxeada este ano. Naceu en 1940 no concello leonés de Borrenes, na zona das Médulas. “Recorda coplas longuísimas (romances) cos seus sons diferenciados, cantares de ronda, de sega…”

No traballo Os instrumentos musicais na tradición galega as pandeiras defínense como “pandeiros redondos (duns 40-50 cm de diámetro e 8-12 cm de alto) que levan algunhas ferreñas inseridas no marco (…) consérvase aínda o uso destes instrumentos, intimamente ligado ao canto, sobre todo feminino, aínda que tamén os homes as empregaban“.

“Non podemos esquecer o resto das manifestacións do folclore da zona que tamén teñen o seu espazo nesta festa: bailes, tonadas, gaitas, trompas… sempre da man de maestros de idade avanzada da contorna. Piornedo pasa a acoller un encontro non só cultural, tamén lúdico, que adquire un carácter envolvente, resoando en toda a aldea as gaitas e as pandeiras, os acordeóns e as zanfonas dende as 11 da mañá ata as 5 da mañá seguinte”, indican desde a organización.

O programa contempla actuacións, xantar de irmandade, bailes, coloquios… A xornada está organizada por un pequeno colectivo de veciños e veciñas de Piornedo chamado Asociación Cultural O Teixeiro

Comentarios