É filósofo, deseñador e cofundador de Sorianourensana de Libros

Pancho Lapeña: "A nova guía trata de peixes cos que se cruza nalgún momento calquera galega ou galego "

Sorianourensana de Libros é o nome editorial do biólogo Nacho Munilla e do deseñador Pancho Lapeña, e foi quen lle deu cobertura á Guía definitiva das aves da Galiza. Agora, volven a Verkami co seu proxecto Guía definitiva dos peixes da Galiza, un catálogo distinto de calquera outro no que se recollen as ilustracións dos peixes máis comúns no país, acompañados das diversas nomenclaturas e da súa presenza no imaxinario popular galego. 
munilla e lapeña
photo_camera Pancho Lapeña, na esquerda, e Nacho Munilla. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Como nace esta nova Guía dos peixes da Galiza?

Un pouco instigados pola primeira guía, e un pouco porque eu son moi de peixes (Nacho era máis de paxaros) e sempre tiven esa inquedanza polo nome dos peixes no país.

Pensei que había que facer algo para desentrañalos, e ao final descubrín que xa houbera unha lexicógrafa coa mesma idea pero 50 anos antes. Crin que habería que actualizar ese catálogo, porque estaba alí pero parecía que ninguén se decatara, e eu xa estaba curtido en discusións sobre os nomes dos peixes, vivíaas diariamente.

Sucede que por exemplo, o que polo norte é a xarda, no sur do país é rincha, en Euskadi é verdel, e no Estado español é caballa. É un dos peixes que temos na Galiza cunha nomenclatura máis clara, pero outros, menos comúns ou que non dan tanto beneficio económico pode ter cen mil nomes, un en cada lugar...

E se non dan absolutamente ningún beneficio igual nin nome teñen. Por exemplo, os lorchos teñen nome pero porque molesta, porque se colan nas redes... E logo tamén cada clan, cada grupo, usa os seus nomes, de creación propia.

Avante Media

E por que 51 especies? Responde a unha motivación concreta ou só é que nalgún momento había queparar?

Porque nalgún momento había que parar, e non se trataba de facer unha guía ao uso, non é catálogo biolóxico con todas as variedades senón que colle unha especie destacada dunha determinada orde. Dos escachos, por exemplo, pode haber cinco ou sete, pero escollemos un, e o mesmo pasa cos lorchos.

É unha guía cos peixes que hai na costa galega e que hai que coñecer, os que hai na praza de abastos, os que ves no mar, como o muxo, por exemplo, que non o ves no mercado pero que estás farta de velo...

Trátase de peixes que se cruzan nalgún momento na vida dun galego ou dunha galega. Porque tamén temos como criterio que o peixe poida ser visto nun mergullo... pero por exemplo, un peixe sapo non se ve nun mergullo porque está a máis de cen metros, pero si que o ves na praza.

Tamén podes ver unha quenlla, non vai ser de nove metros pero si podes ver unha cría, que se ven todos os anos, e o libro tamén atende a unhas dimensións dos peixes, pequenas e medianas. 

Avante toda

Fálenos dalgún peixe que resulte singular.  

Por exemplo as xulias (Coris julis) e os galláns (Labrus mixtus). Son os dous peixes que comezan a vida como femias e logo mudan a machos. E son moi coloridos, incluso moita xente cre que non son destas latitudes, mesmo hai quen pensa que son velenosos.

Na Galiza o que temos son peixes de cores discretas e fondos moi coloridos, noutras partes do mundo os fondos son discretos e o que é colorido son os peixes. E eses dous, a xente non pensa que sexan de aquí por iso de seren coloridos. 

Como se estrutura a guía e cando esperan que saia?  

Consta dunha ilustración e mais da descrición do peixe, física e de carácter, e tamén vai un epílogo con contos, ditos e, en definitiva, o que quedou no imaxinario galego... Igual que fixemos xa na Guía definitiva das aves da Galiza.

A idea é saír ao mercado no Nadal, xa se está a maquetar, da man de Masako Hattori, e logo vai para o prelo. A outra guía funcionou moi ben, á xente gustoulle moito, quedou moi bonita e moi coidada porque era o único xeito no que queriamos sacala.

Decidimos pór o proxecto no Verkami e puidemos facela baixo uns estándares determinados. E esta segunda será tamén un produto bonito que estará igual ou por riba do anterior. E tamén reeditaremos no Nadal, de feito, a guía das aves, que forma parte dunha das recompensas. 

Comentarios