"Pan de millo", a música saída do forno de "Migallas"

Pan de millo (Kalandraka) naceu devagar e a lume morno, como o bo pan do que non queda nin as migallas. Co arrecendo inconfundíbel da panadaría pontevedresa de María Campos e Carlos Yus, Migallas, sae do forno agora o videoclip dun dun dos temas no que participa o alumnado do EEI de Verducido, en Pontevedra .

 
.
photo_camera .

“Cando o forno estivo moi quente, sacaron as brasas e limparon a borralla. Logo, foron metendo as pezas: primeiro, as bolas, cos nosos boliños, e despois, as petadas”. É só un paso do longo camiño que conduce ao pan de millo, desde o inicio do proceso co sementado do cereal, materia imprescindíbel para as cancións que ofrece o novo, segundo, libro-disco de Migallas (Kalandraka). Catorce temas musicais de reinterpretación da tradición ou composicións propias arredor do pan e do encontro coa sabedoría de avós e avoas, da feliz sintonía que se produce entre a inmensa curiosidade das crianzas e o saber das persoas máis maiores da casa. 

Desde aquel Canta connosco! de 1996,  Migallas non tiña publicado ningún disco máis aínda que a  música continuou a fluír nos seus espectáculos, no seu encontro constante cun público infantil co que empatizan de maneira especial. “Iamos tendo moitas cancións dos talleres “A procura do tesouro” e, como aconteceu no anterior, tamén a xente nos pedía que sacaramos un novo disco”, conta María Campos quen non tarda en loubar o equipo que fixo de Pan de millo un proxecto máis colectivo, a comezar por Magoia Bodega e Paulo Nogueira de Treixadura -intérpretes e autores dos arranxos- e os músicos Alberto Giadanes, Begoña Riobó, César Longa, Pancho Álvarez ou Segundo Grandío, a seguir polo extraordinario traballo de ilustración de Dani Padrón ou polo esmero do equipo de Kalandraka. 

Sementar, recoller, cocer

“Fíxose pouco a pouco, con cariño e traballo, como o pan de millo que, para nós, representa o traballo da xente, da terra, do noso pobo. Sementar, recolleron millo, cocer o pan... mais tamén a alegría que dá cando está feito”, di María Campos e, de volta, unha comparanza co pan escuro que lle acae ben a un traballo que decidiron presentar nun muíño, para que nenos e nenas dunha escola rural se atopen de novo co proceso de elaboración tradicional do pan que noutras xeracións era tarefa habitual. 

Un feixe de cancións de arrecendo propio, desde os tradicionais “O piollo e a pulga”, “O tiroliro” , “O moucho” ou “Que cousa, cousiña é?” até os novos “As actividades”. “Pinocho” e “Pan de millo”. “Queriamos celebrar ese encontro, a sabedoría que os avós transmiten aos nenos mais tamén o que os nenos ensinan aos avós, como coidan deles e lles explican, por exemplo, como funcionan as novas tecnoloxías”, comenta María desta homenaxe tamén a quen “permanece para sempre no recordo”. O videoclip coa escola de Verducido, en Pontevedra, mostra a maneira en que as crianzas celebran o pan e a música de Migallas.

Comentarios