Opinión

Palma: de alcaides, azeites, cavaleiros e santas pascuas

Veñen de bendecir o ramo. Na Semana Santa ferrolana. Declarada Ben de Interese Turístico Internacional. Ao mellor si. Ao mellor é por iso que o cartaz vai escrito nesa lingua internacional que é o castelán ou español e non nesoutra lingua internacional que é o galego ou o portugués. A pesares de que a Deputación adica varios miles de euros para normalización lingüística dos concellos da bisbarra. Os galegos entendémonos nas dúas e, no entanto, non aproveitamos esa avantaxe única. Veñen de bendecir o ramo. Há un repunte de vocacións marianas estes días de "feminismo" trasnoitado no que a igualdade non é ter dereito a un mesmo salario senón a posibilidade de vestir capirote e erguer un trono e afuxentar os trebóns. Dá igual que haxa unha seca arrepiante que agoira un cambio climático. Dá o mesmo, se non chove na Semana Santa o gremio dos servizos dá choutos de ledicia e deixamos os choros dos encoros para o estío. E como último recurso, bañamos a virxe de Chamorro no río da Sardiña como rogativa de auga a gosto do consumidor e de rezo nas alturas por ver se Augas de Galicia escoita os pregos do alcaide de Ferrol, ese mareante que asinou un contrato coa chantaxe do saneamento, o compango dos populares e o parabén da empresa privada que se seguirá a lucrar unhas cantas décadas máis. Ese alacaide que asinou o contrato da vergoña e agora pide, insta, convida a que saneen o río da Sardiña. E agora Augas de Galicia vaino deixar cun palmo de fuciños a velas vir. Que máis lle ten. Xa se abrirán outras portas. E se non, ao tempo!

Veñen de bendecir o ramo que pendurarán, se cadra, dos balcóns os novos nenos do franquismo. En chegando a Pascua de Resurreción resucitan as mensaxes de pecado, culpa e excomuñón. Calquera laico ou ateo que se atreva a erguer a voz a dizer que un concello de un Estado Aconfesional non deve subvencionar ás confrarías arderá nas lapas do inferno como arderon os palmeríns na pira de Don Quixote. Nen alegando que é un acto cultural de tamaño interese turístico. E menos nun país onde o teatro, como auténtica manifestación cultural, está gravado cun IVE criminal!. Se o Estado apoia o teatro que apoie todos, sen exclusión de compañías. O mesmo a música. Se a morea de músicos titulados morren á miñoca sen catar subvención ou beca algunha, qué privilexio é ese apoio institucional a esas bandas de portadores de cornetas, trompetas e tambores que, lonxe das partituras, parecen preparados para acelerar xordeiras? Ninguén comprende que, subvencionando lobbies ultracatólicos para fletar buses bioloxicistas segregadores de xénero como os seus colexios concertados, sigan estando necesitados de "facerse oir. org". É que coidan que xa estamos xordos?

Calquera laico ou ateo que se atreva a erguer a voz a dizer que un concello de un Estado Aconfesional non deve subvencionar ás confrarías arderá nas lapas do inferno

Veñen de bendecir a palma. Antes foi bendecida a do duque nun xuízo que pasará á historia da infamia. Un duque con muitas raízes no país, tantas que pode marchar a un paraíso fiscal sen perigo de evasión. Como bendecida foi a palma dos escasos boscos que fican no planeta, os dos sudeste asiático que están sendo arrasados tambén polos monocultivos desa palma da que se tira ese azeite co que nos venden todo. Porque hoxe é máis caroso atopar no mercado unha bolacha sen azeite de palma do que unha palma que non estea bendecida pola santa nai ou nao. Tanto o TTIP, ese Tratado de Livre Comercio, como a UE teñen interese en seguir bendecindo canceríxenos e afogando o pulmón do planeta. Trátase de que as multinacionais se apropien dos poucos territorios que fican ceibes dos seus longos tentáculos. A soberanía alimentar pende dun fío tan miúdo que só o noso consumo responsável e a nosa defensa da soberanía territorial será quen de virar. Ese há ser o noso trono e o noso altar.

Mentres veñen de bendecir a palma e luzir palmito, mentras sigan cos seus palmarés de boato e luxo, e remedo de moinas fraternidades encarapuchadas nós temos que seguir na loita para que non leven a palma ao fin da xeira.

Houvo un cavaleiro andante, Palmeirim de Brigantia que ousou remunicipalizar o servizo de auga

Houvo un cavaleiro andante, Palmeirim de Brigantia que ousou remunicipalizar o servizo de auga. O alcaide de Ferrol deulle as costas ainda sendo pinga das mareas. Como aquel Palmeirim de Inglaterra cuias aventuras e desventuras escrevera aquel portugués chamado Francisco de Morães no século XVI. Porque os Palmerins constitúen, xunto cos Amadises, unha das series máis importantes do xénero dos livros de cavaleirías. E no concello de Ferrol, un Amadís vén de ceder as rías aos mesmos muíños de vento que na campaña combatía. Non sabemos se por amor romántico a Socamex ou amor cortés á empresa chinesa que lle mercou a Florentino Pérez.

Veñen de bendecir a palma este domingo. E visitar o castelo da Palma eses turistas que añorarán ver o hotel onde se hospedeu aquel crente golpista chamado Milan del Bosch.

Non sabemos que novas tropelías nos agardan nesta cidade que vivía do mar e vive de costas a el. Non sabemos que vai ser da nosa ría. A cidade de máis tronos e máis tanques de tormenta da orbe. Urbi et orbe. Quen levará a palma?

Meteogalicia promete sol, capirotes e praia namentres os labregos fan rogativas pola chuvia. E eu estou por ir de procesión coa miña suadeira que pon en letras ben grandes: ás vezes mexan por nós e há que dizer que chove. Mais teño medo da intolerancia e o fanatismo dos que, con cartos públicos, fanse oír! Porque viver en Ferrol sempre é palmo a palmo.
 

Comentarios