Escritora na súa Terra

Pallarés, radical intimismo

Apenas en cinco libros Pilar Pallarés construíu unha das xeografías máis singulares da poesía galega actual. Radical, arrasada, indagadora, intimista e aberta ao outro, obra e autora son obxecto das honras da AELG como Escritora na súa Terra. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto5_Dupla_Cultura
photo_camera Pilar Pallarés

6_FS_Dupla_Cultura"Un espasmo de luz incendia o bosque”, remata o primeiro poema de Leopardo son (Espiral Maior, 2011). Espasmos de luz no corazón do bosque da poesía galega contemporánea, eis unha definición posíbel da obra de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), cuxos cinco libros delimitan un singular e celebrado territorio lírico. Intimismo radical, desposesión, arrasamento, o que o profesor Arturo Casas denomina, con eco a Deleuze, devir animal. A súa escrita é unha indagación brutal no eu e no desexo, na destrución e na intensidade, que comeza na década dos 80 e agora homenaxean as súas colegas da Asociación de Escritoras en Lingua Galega.

“Na xeración dos 80 non hai moitas voces femininas”, describe a crítica Teresa Seara para este semanario, “a súa vivencia tan radical do intimismo distínguea.

Os homes escriben sobre o erotismo, pero dun xeito completamente diferente”. Ningún como Livro das devoracións (Espiral Maior, 1999), desde logo, peza maior do seu traballo e páxinas de enorme potencia imaxinista: “a beleza dos corpos ten ángulos que doen // corazón: fica imóbil”. A profesora Kathleen March sinalou no seu día a “sorprendente complexidade dos seus referentes” e un campo de batalla “entre Eros e Thanatos, liberdade e opresión, sensualidade e soidade, lingua e silencio”.

Arturo Casas lembra que, na Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram) coordinada por el mesmo en 2003, foi “o cuarto libro de poemas máis considerado polas especialistas que participaron, case un centenar”. Por diante, só títulos de Cunqueiro e Ferrín. Sétima soidade Antes das devoracións, Pallarés, que descubrira a lingua e a conciencia da mesma grazas a Moncho Valcarce, publicara o iniciático pero aínda á procura Entre lusco e fusco (Do Castro, 1980) e mais Sétima soidade (Sociedad de Cultura Valle‑Inclán, 1984), co que consagrou a súa voz.

“Naquel tempo falouse de neorromanticismo, leuse noutra chave”, relata a Sermos a profesora e crítica María Xesús Nogueira, “pero ese intimismo tan singular xa estaba aí, como estaba esa tensión do discurso, do verso, e ese mundo animal que creou”. E que Nogueira relaciona con coetáneas como Xela Arias. Foi a época en que Pallarés era a única poeta da súa promoción con certo relevo público. E a única muller do grupo De amor e desamor e da escolma Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega (Sotelo Blanco, 1986), preparada por Luciano Rodríguez con evidente vontade canonizadora.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios