Palestina, de novo a convidada de pedra

O acordo facilitado por Trump para normalizar relacións entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos, o primeiro entre Tel Aviv e un Estado árabe desde 1994, serve ao presidente estadounidense para se apuntar un éxito político internacional de cara ás eleccións de novembro, alén de sumar forzas contra o Irán.
13 August 2020, Israel, Tel Aviv: A general view of the national flag of the United Arab Emirates displayed on a building at the city of Tel Aviv following the agreement between the United Arab Emirates and Israel on establishing full diplomatic ties. Photo: Oren Ziv/dpa
ONLY FOR USE IN SPAIN

13 August 2020, Israel, Tel Aviv: A general view of the national flag of the United Arab Emirates displayed on a building at the city of Tel Aviv following the agreement between the United Arab Emirates and Israel on establishing full diplomatic ties. Photo: Oren Ziv/dpa

13/8/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera A bandeira nacional dos Emiratos Árabes Unidos, proxectada nun edificio da cidade israelí de Tel Aviv despois de se anunciar o acordo (Oren Ziv / dpa)

O acordo entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos (EAU) para normalizar relacións diplomáticas, que inclúe a suspensión da prevista anexión por parte de Tel Aviv de zonas de Cisxordania, provocou o rexeitamento unánime dos líderes de Palestina

Autoridade Palestina

A Autoridade Nacional Palestina (ANP) cualificouno de "agresión contra o pobo palestino" e "traizón a Xerusalén, a Al-Aqsa [terceiro lugar santo máis venerado no Islam] e a causa palestina".

Nabil Abu Rudeineh, portavoz da ANP dixo que o acordo "é un recoñecemento de facto de Xerusalén como capital de Israel".

"Nin EAU nin ningunha outra parte ten dereito a falar en nome do pobo palestino", apuntou, e engadiu que a Organización para a Liberación de Palestina (OLP) "é o único e lexítimo representante do pobo palestino". A ANP solicitou unha reunión de emerxencia da Liga Árabe e da Organización para a Cooperación Islámica.

Hamas

O portavoz do Movemento de Resistencia Islámica (Hamas), Fauzi Barhum, dixo que o acordo é "perigoso" e "un premio á ocupación israelí polos seus crimes e violacións contra o pobo palestino".

"Condenamos calquera forma de normalización da ocupación; é unha puñalada nas costas á causa palestina da que se beneficia o inimigo israelí, que se ve incitado a cometer máis crimes e violacións contra o noso pobo e contra os seus lugares sagrados", expresou.

Xihad Islámica e FPLP

Xihad Islámica cargou igualmente contra o acordo e manifestou que "a normalización é unha rendición". Ademais, advertiu de que "non mudará os feitos sobre o terreo, senón que fará que a ocupación sexa aínda máis terrorista".

A Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP) tamén falou de "puñalada nas costas ao pobo palestino e á súa causa nacional" e de "nova conspiración contra a nación árabe". "Facilita ─sinalou─ o camiño cara a unha guerra máis agresiva, unha expansión sionista, unha xudaización a través de asentamentos co visto e prace emiratí".

Xordania

O Goberno de Xordania, último país árabe en normalizar relacións diplomáticas con Israel, en 1994, afirmou nun comunicado que "haberá progreso cara á paz" só se Israel toma este acordo como "un incentivo para acabar coa ocupación e responder aos dereitos do pobo palestino en canto á liberdade e á creación dun Estado independente" que respecte as fronteiras previas á guerra árabe-israelí de 1967.

Exipto

O presidente de Exipto, Abdel Fattah El-Sisi, un fiel aliado dos EAU, congratulouse polo acordo. "Seguín con interese e aprecio o comunicado conxunto entre os Estados Unidos, os EAU e Israel para a anexión israelí das terras palestinas e para dar pasos para levar a paz a Oriente Próximo", escribiu en Twitter.

Bahrain

Bahrain deulle tamén a benvida ao acordo e louvou os esforzos de mediación dos Estados Unidos. A pequena illa-Estado do Golfo Pérsico é aliado de Arabia Saudí, que aínda non se pronunciou sobre o tema, mais que ao igual que Washington, Abu Dhabi e Tel Aviv ve no Irán, o seu histórico rival, a maior ameaza na rexión.

Irán

O Goberno do Irán, a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, cualificou o acordo de "tolemia estratéxica". "Sen dúbida, fortalecerá o movemento de resistencia" contra Israel e sinalou que o pobo palestino "nunca perdoará" aos Emiratos Árabes Unidos ter normalizado as súas relacións co "réxime sionista".

Turquía

Turquía tamén condenou o pacto. "Ao tempo que traizoa a causa palestina para servir os seus propios intereses, os EAU tratan de presentar isto como un acto xeneroso de sacrificio por Palestina. A historia e a conciencia das xentes da rexión non esquecerán nin perdoarán nunca este comportamento hipócrita", sinalou nun comunicado o Goberno turco.

Israel

Ao primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, o acordo pode servirlle para remontar nos índices de popularidade, en picado polos casos de corrupción e pola xestión da pandemia. Mais os colonos xudeus considérano un "engano". Netanyahu "enganou medio millón de residentes na zona e centos de miles de votantes", dixo David Elhayani, director do Consello Yesha de colonos.

Con todo, o primeiro ministro israelí asegurou que o acordo "non supón cambios" aos plans de anexión. "Nunca renunciarei aos nosos dereitos na nosa terra", matizando que a suspensión non supón cancelación.

Comentarios