Palestina denuncia Israel na Corte Penal Internacional

Presentará a primeira demanda o 1 de abril por crimes de guerra na operación 'Bordo protector'.

International_criminal_court
photo_camera Corte Penal Internacional, A Haia

A Corte Penal Internacional (CPI) recibirá a primeira demanda contra o Estado de Israel por crimes de guerra o vindeiro mes de abril. Terá lugar coincidindo coa adhesión efectiva de Palestina como membro deste órgao e instará o tribunal a investigar os delitos cometidos contra o pobo palestiniano no marco da operación 'Bordo Protector' (2014)

Así o avanzou Mohamed Shtayeh, do comité executivo da Organización para a Liberación de Palestina (OLP). No ataque contra a poboación da Faixa de Gaza foron asasinadas máis de 2 mil persoas das que, segundo estimacións das organizacións internacionais, o 60% terían sido civís.

Aliás, a demanda tamén denunciará a construción de asentamentos colonos en Cisxordania, segundo recolle Agence France-Press (AFP).

As eleccións israelitas do 17-M e a investigación da CPI marcarán o conflito nos vindeiros meses

Palestina incorporouse o pasado 1 de xaneiro á Corte Penal Internacional mais non pode iniciar accións legais até o primeiro de abril. No entanto, o tribunal xa iniciou un "exame preliminar" da ofensiva sionista lanzada entre xullo e agosto do pasado ano na Faixa de Gaza como un paso previo á investigación formal por presuntos crimes de guerra. 

Desde a OLP salientan que este feito marcará o decorrer do conflito nos vindeiros meses xunto coas eleccións israelitas que terán lugar o 17 de marzo. 

Comentarios