Opinión

Palestina de novo no taboleiro electoral israelí

O sangue inocente de palestinos volta ser empregado polo goberno israelí nas súas campañas políticas diante da pasividade da meirande parte da comunidade internacional; e semella que a morte de algúns palestinos e palestinas, as veces unhas ducias outras centos ou incluso milleiros, non é máis que parte da paisaxe.

O sangue inocente de palestinos volta ser empregado polo goberno israelí nas súas campañas políticas diante da pasividade da meirande parte da comunidade internacional; e semella que a morte de algúns palestinos e palestinas, as veces unhas ducias outras centos ou incluso milleiros, non é máis que parte da paisaxe.

Desta vez non se pode falar de supostas provocacións pois estamos simplemente diante dunha actuación relacionada directamente coa campaña electoral das eleccións presidenciais a celebrar en Israel no vindeiro mes de xaneiro e dunha posíbel decisión das Nacións Unidas sobre o Estado Palestino.

Coa decisión de asasinar o día 14 ao xefe militar de Hamas, Ahmed Jaabari, o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu gañou moitos puntos na disputa electoral, pois el sabía perfectamente que o asasinato ía provocar a lóxica resposta violenta de Hamas creando unha nova situación de inestabilidade na zona, permitíndolle isto iniciar unha ofensiva militar e por tanto atraer cara si a grande parte do electorado israelí máis fundamentalista que basea todo na suposta defensa do pobo de Israel fronte ao inimigo palestino.

E xunto coas eleccións Netanyahu observa con preocupación como neste momento xa son máis de 120 os estados membros da ONU que apoian a declaración do Estado Palestino como membro con todos os dereitos, unha declaración que posibelmente sexa solicitada o 29 de novembro polo presidente da Autoridade Nacional Palestina Mahmud Abás. De aumentar a inestabilidade na zona e producirse unha resposta importante por parte das organizacións armadas palestinas está claro que Israel e EEUU estarán en condicións de aumentar a presión sobre algúns estados para que dean marcha atrás no seu apoio a unha declaración das Nacións Unidas que de producirse suporía un paso de xigante que Israel trata de impedir por calquer medio.

Estas son as verdadeiras razóns do que está a acontecer neste xusto momento na franxa de Gaza e non estamos a falar de ningún dereito do sofrido pobo xudeo a defenderse do integrismo islámico; o estado de Israel é un estado xenocida que axita a bandeira do exterminio de xudeos por Hitler para agachar os seus crimes. O que acontece estes días en Gaza e o que leva sofrido o pobo palestino desde a creación do estado de Israel só ten un nome: XENOCIDIO.

Comentarios