Palestina conmemora a Nakba coa ameaza da anexión israelí

O 14 de maio de 1948, David Ben Gurion declarou o estabelecemento do Estado de Israel en Palestina, poucas horas antes de que chegase ao seu fin o Mandato británico, isto é, a soberanía do Reino Unido sobre o territorio palestino por mandato da Sociedade de Nacións (precursora da ONU), estabelecido tras a fin da Primeira Guerra Mundial como parte do derrotado Imperio otomán. 
2020051415263030666
photo_camera O secretario de Estado dos EUA, Mike Pompeo, e o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu (Kobi Gideon / GPO)

O 15 de maio os países árabes veciños ─Exipto, Transxordania, Líbano, o Iraq e Siria─ lanzaron un ataque sobre Israel, ao que consideraban unha entidade ocupante, dando comezo así á primeira guerra árabe-israelí, "guerra da Liberación", para a cidadanía de Israel, e inicio da Nakba, para o pobo palestino. Nakba ou Día da Catástrofe que hoxe se conmemora. Yom Ha'atzmaut ou Día da Independencia que tamén se celebra nesta xornada entre os israelís.

Este 15 de maio de 2020 chega no medio dunha pandemia global, cun plan de paz sobre a mesa presentado por unha Casa Branca claramente abeirada aos intereses israelís, e un día despois de tomar posesión un inédito Goberno de coalición entre o incombustíbel Benjamin Netanyahu e o até hai pouco líder da oposición, Benny Gantz, tras tres comicios lexislativos en menos dun ano. 

Chega ademais ante os plans do Estado israelí para a inminente anexión, co beneplácito da Administración Trump, de partes importantes de Cisxordania, incluído o val do Xordán (30% de todo o territorio). É o que Richard Falk, profesor emérito de dereito internacional na Universidade de Princeton e entre 2008 e 2014 relator especial da ONU sobre a situación dos dereitos humanos nos territorios palestinos, cualifica de "xeopolítica gangster" nun artigo en Al Jazeera.

Falk, nacido en Nova York no seo dunha familia xudía, pon como exemplo desta forma de facer política internacional "a intensificación das sancións dos Estados Unidos no medio dunha crise sanitaria que xa afectou profundamente países como o Irán e Venezuela". 

Netanyahu prometeu a anexión a Israel de territorios ocupados con asentamentos de colonos desde 1967 ─tras a Guerra dos Seis Días, o terceiro enfrontamento árabe-israelí─, malia "violar directamente normas fundamentais do dereito internacional", afirma Falk, e "supor un rexeitamento extremo da lexislación humanitaria internacional encarnada na Cuarta Convención de Xenebra". 

Rexeitamento global

A comunidade internacional oponse a esta anexión e continúa a aposta pola solución dos dous Estados. Unha vía que quedaría gravemente comprometida se o Goberno israelí consuma o seu plan. 

Desde a ONU exíxese "respecto ás resolucións" e ás "fronteiras previas a 1967". A UE mantén que a súa postura baseada na solución negociada e viábel dos dous Estados" é "firme". Francia, Bélxica, Luxemburgo e Irlanda son os Estados que máis presionan para que se dea unha resposta contundente, mesmo con sancións económicas, a Israel. Tamén o Reino Unido manifestou nas últimas horas que non apoiaría a anexión.

Para a Liga Árabe o plan suporía "un novo crime de guerra". Rusia, que ante a presentación en xaneiro do "Acordo do Século" de Donald Trump solicitara unha reunión do Cuarteto de Oriente Próximo (Rusia, EUA, ONU, UE), dixo que "socavaría as expectativas do estabelecemento dun Estado palestino independente e viábel". 

E mesmo o Goberno da China, que ten por norma non inmiscirse en asuntos internos doutros países, manifestou a súa "preocupación" e pediu que non se adopten medidas de forma "unilateral".

"Trump colabora co plan de anexión de Israel, nun intento de enterrar os dereitos do pobo palestino, mentres viola as regras do dereito internacional", afirmou o secretario xeral da Organización para a Liberación de Palestina, Saeb Erekat, á axencia WAFA. As autoridades palestinas, que non foron incluídas na elaboración do plan de paz estadounidense que bendí a anexión israelí, romperon relacións cos EUA.

O Goberno de Israel, pola súa banda, considera que a anexión é necesaria para a súa seguridade. Gantz, que previamente se opuxera, manifestou na última campaña electoral a súa vontade de apoiala. No acordo de coalición así figura, e esta podería comezar a partir do 1 de xullo, informa The Jerusalem Post.  

Mais foi a chegada de Trump á Casa Branca que deu azos a Israel para levala adiante. En xaneiro de 2014, con Obama na Casa Branca, os partidos de oposición rexeitaron unha proposta para anexar o val do Xordán. Presentaron no seu lugar un proxecto de lei de dous Estados, co apoio do Partido Laborista, o esquerdista Meretz e o ultraortodoxo Shas. Argumentaban que a anexión prexudicaría a posibilidade dunha solución pacífica e as relacións cos EUA.

É por iso que Netanyahu quere apurar os tempos, segundo os analistas internacionais, temeroso de que un novo cambio na Casa Branca poida complicar os seus plans. Na cuarta feira, o secretario de Estado dos EUA, Mike Pompeo, viaxou a Israel en visita oficial dun día. "Estamos contentos de que agora haxa un Goberno completamente formado", afirmou, e a respecto da anexión en Cisxordania dixo que "serán os israelís os que en último termo tomen esas decisións".

"Faremos responsábeis os Gobernos estadounidense e israelí de todas as consecuencias", afirmou o presidente da Autoridade Palestina, Mahmoud Abbas, no medio da crecente violencia en toda Cisxordania e poucas horas antes do Día da Independencia israelí, do Día da Catástrofe palestina.

Comentarios