Palabras con Memoria: mares de palabras

Costa de Covas, en Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Costa de Covas, en Ferrol (Foto: Nós Diario).

esmolicar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Esmagar o peixe.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

esmonifar.- Abrir á metade a cabeza do congro para facerlle un oco e colgalo no banco.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

mallente.- Territorio entre a baixamar e a enchente.

Lugar de escoita.- Rías Baixas.

Fonte.- Xesús Franco.

revellocas.- Pequenas maragotas.

Lugar de escoita.- Ferrolterra.

Fonte.- Henrique Dacosta.

ronca.- (Ademais de significados xa rexistrados) Espazo oco entre os cantís da ribeira, polo que penetra o mar. Furna.

Exemplo.- "Tede coidado cando paseedes pola ribeira de non caer na ronca.”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

rula.- (Ademais de significados xa rexistrados) Poxa de peixe na lonxa.

Exemplo.- "O barco descargou agora o peixe, pero a rula é ás sete da tarde.”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

Outros apuntamentos.- O recolledor de palabras, vinculado tamén á Mariña, ten escoitado por alí, cando alguén quere facer valer a oficialidade dos seus datos en calquera tema, a expresión: "A que canta é a rula!"

Comentarios