Palabras con memoria: vicios e outras (in)humanidades

Xente camiñando_Youtube

cirolico/a.- Persoa covarde.

Lugar de escoita.- Bembrive (Vigo).

Fonte.- Argentina Pérez.

Outros apuntamentos.- Desde a APAMP (Vigo). A persoa informante indica que provén de “cirola”, calzón.

coco.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise da persoa que anda moi tesa e estirada.

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

Outros apuntamentos.- Di a fonte que na Mariña chámanselle cocos aos xigantes que, xunto aos cabezudos, pasean pola maioría das vilas nas festas patronais. A coca sempre vestía con roupas de vivas cores e mostraba grandes colares e pendentes.

cotrenas.- Persoa aforradora e inimiga de gastar. Amarrado/a, aforrón/a, aforrica.

Lugar de escoita.- Moraña e bisbarra.

Fonte.- Xosé Monteagudo.

Outros apuntamentos.- Centro de Día de Rois.

curricán (andar de).- Andar continuamente dun lado para outro, de paseo ou de troula.

Exemplo.- “Non para un minuto na casa, anda sempre de curricán”. Tamén se emprega como adxectivo, co mesmo significado: “Non sexas tan curricán!”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

Outros apuntamentos.- O curricán é a arte coa que os barcos galegos pescan os bonitos. Consiste nunha serie de liñas que levan anzois nos seus extremos. Os barcos teñen que andar en continuo movemento para o uso desta arte, de aí virá a expresión. (Nota da fonte).

esturruar.- Argallar, tramar, maquinar, esturriar, estorrear.

Exemplo.- "Que estará ese esturruando!"

Lugar de escoita.- Serra de Outes, Noia.

Fonte.- Marga Martínez Trillo.

Outros apuntamentos.- Non sabemos de momento se o verbo millerar é de uso en tempos que non sexa o participio.

garatuza.- (Ademais de significados xa rexistrados) Travesura ou trasnada.

Lugar de escoita.- Altamira (Cambre).

Fonte.- Enrique Prego Calvo.

Comentarios