VOCÁBULOS QUE LEVAN GALIZA POR TODO O PLANETA

Palabras galegas medran alén mar

É coñecido o caso de palabras procedentes das linguas americanas que se introduciron nas linguas europeas. Tabaco ou tomate son hoxe palabras de noso. Mais, palabras galegas que viaxan a América? A seguir un caso: Costa Rica

dicionario
photo_camera Diccionario de barbarismos

Ninguén pode impedir o tránsito das palabras por encima das raias artificiais das fronteiras. Nen sequer os gardas. E non existen posibilidades de pór límite ao desexo humano de se comunicar. Galiza, quen aquí habitamos e quen aquí habitou, comunicou co mundo enteiro e segue a mostrar desexo de comunicar, de ser, de sermos. Palabras de noso bican labios, acariñan alentos de todo o planeta. Reciclamos o nome do zebro extinto para falar coas cebras aínda duradeiras; e dicimos obrigado en xaponés. Mais hai máis, desta vez en Costa Rica.

Carlos Gagini foi un escritor costarricense, de ascendencia suíza, nado en 15 de marzo de 1865, vai para 151 anos. Morreu o 31 do mesmo mes de 1925. Filólogo, novelista, educador e entusiasta promotor do esperanto. Tamén escribiu numerosas zarzuelas. En 1893 publicou un libro, Diccionario de barbarismos y provincialismos de Costa-Rica. O libro ten como finalidade contribuír a fomentar “la unidad del idioma común de nuestras Repúblicas” porque xa queda moi lonxe aquela “habla divina de Garcilaso, Calderón y Cervantes” por ter sido alterada e modificada polo vulgo para a converter en imaxe grotesca do que foi. Imaxe grotesca do que foi!!!. Até aquí nada que non sexa común en obras deste teor, reivindicativas da unidade do idioma patrio.

O libro ten como finalidade contribuír a fomentar “la unidad del idioma común de nuestras Repúblicas

Mais o que chama a atención é que ao longo do texto, mais de 600 páxinas, trátanse unha serie de vocábulos ou expresións que o autor identifica como empréstitos procedentes da Galiza ou do galego. Empréstitos para os falares costarricenses. Nós trouxemos de alá palabras como tabaco ou chocolate e cedemos outras como empurrar ou gomitar. Un intercambio equilibrado.

Vexamos algúns casos en que Gagini defende, e ás veces reivindica, a orixe galega deses vocábulos nas falas de Costa Rica.

Cochi. Un dos vocábulos en que máis se estende Gagine é cochi / cuchi, empregada a palabra non para chamar o porco mais si para o espantar. A palabra sería, segundo os lexicógrafos americanos, de orixe inca mais, pregúntase, como pode unha palabra chegar desde o Perú a Costa Rica se este territorio permaneceu case illado? A resposta, para el, só pode vir dada porque cocho é a forma con que se denomina o animal na Galiza. Desta maneira Gagini aposta porque o porco doméstico sería un animal levado desde aquí a América e con el o nome.

Emporrar é unha forma de indubidábel procedencia galega, afirma o autor do dicionario, e deriva de empurrar, embora presente unha pequena alteración de significado por canto en Costa Rica significa molestar, fastidiar mentres que o significado galego sería o de provocar ou incitar para que alguén faga algo.

Gomitar. Outra das formas que identifica como de clara procedencia galega é gomitar.

En Costa Rica, como na Galiza, dise Colás en vez de Nicolás, Nacho por Inacio; Moncho por Ramón e Toño por Antonio

Na entrada leición o autor non dubida en identificar a palabra con Galiza e, entre parénteses, di “palabra usada en Galicia” aclarando que seguramente se debería pronunciar lición. Tamén lle atribúe procedencia galega á palabra charamasca, do galego charamusca.

Outro ámbito que chama a atención a Gagini é o dos nomes familiares, indicando que en Costa Rica se di, como na Galiza, Colás en vez de Nicolás, Nacho por Inacio; Moncho por Ramón e Toño por Antonio.

É evidente que Galiza está moito máis presente no mundo do que a simples vista parece. Só é cousa de o querer ver, de a querer ver.

Comentarios