Entrevista

Carme Adán: "A palabra festival celebra que estamos a pensar xuntas"

Mañá arrinca un festival... pero de filosofía! Esta iniciativa do Consello da Cultura Galega, explica a coordinadora, Carme Adán, pretende achegar o pensamento ao público xeral, poñendo en cuestión, nun momento de especial urxencia, como anticipa o título, a nosa autonomía: "Libres: en serio??? Mito, realidade ou posverdade".
Carme Adán [Judith Cendon].
photo_camera Carme Adán [Judith Cendon].

—O primeiro que chama a atención deste evento é o formato festival. Responde esta escolla a un intento de achegar a filosofía á mocidade? Ou cal é o motivo?

Vai en consonancia con moitos festivais que se están a facer de pensamento, é unha fórmula que se vén ensaiando en Barcelo, Valencia... O que queriamos era achegarnos igualmente na Galiza á xente moza, por unha banda, pero tamén a quen ve o pensamento como algo do pasado, cando criamos que é todo o contrario. Neste momento urxe reflexionar sobre os temas de maior actualidade e a filosofía sempre foi un pensar o seu momento. A palabra festival transmite esa idea de celebrar que estamos pensando xuntas, con novos formatos. Queriamos facelo fóra, aínda que pola Covid-19 non é posíbel levalo a espazos como as rúas ou os bares, pero agardamos conseguilo en próximas edicións.

—Nese achegamento ao público xeral entra en xogo que os temas son de absoluta actualidade, mesmo cando a idea viña de antes da pandemia.

Si, estaba pensado para abril e tivemos que adialo. A idea inicial era con maior presenza na rúa, como dicía, mais agora, para que poida ser transmitido na web do Consello da Cultura Galega, as mesas redondas fanse na propia sede. Mudou un pouco o formato, mais non a temática.

Queriamos que este primeiro festival xirase arredor do que é a liberdade hoxe, que entendemos por ser libres, unha palabra que empregamos constantemente e que en moi poucas ocasións pensamos até que punto o somos, en todas as facetas da vida: o que vemos representado nas series, como nos relacionamos amorosa ou sexualmente, cales son as nosas canles de entretemento, que mercamos e que non... Todo isto, mesmo onde semella que exercemos certa autonomía e liberdade, queremos poñelo en cuestión. Con tres interrogantes!

Até que punto podemos falar de que somos libres? E xa a partir da Covid-19... Renunciamos a unha parte importante da nosa mobilidade, por un ben colectivo, pero a nosa renuncia a espazos de liberdade está cada vez máis preto.

—Por aí ía a pregunta. O tema da liberdade, aínda que viñese de antes, semella adquirir especial urxencia neste mundo pos pandémico.

Si, neste momento estamos regalando toda a nosa vida persoal, os nosos datos, a nosa intimidade, non se sabe nin a quen. Esta expropiación coa pandemia en certo modo saltou polos aires por necesidades urxentes: teletraballar, dar clases desde casa, uso de correos persoais e redes sociais... Todo iso está por pensar. Non é que unha cousa sexa branca ou negra, pero en toda esa gama de grises cómpre meditar por onde nos movemos. Precisamos certa colectividade virtual para seguir convivindo, pero ao tempo iso fai que toda a nosa vida estea en mans de grandes multinacionais. Damos libremente os nosos datos cando nos facemos socias dunha plataforma de series. E cada vez mesmo se moldea máis o que nos gusta.

—Estamos nesa sociedade de decisións só aparentes, entre unha serie de opcións dadas?

Si, pero tampouco hai que demonizala. Posibelmente sempre vivimos en sociedades onde non tomamos as decisións, pero parece que nos gusta a idea de que si. Están mediadas en moitas ocasións por un algoritmo, simplemente, por toda unha serie de decisións previas e por aqueles produtos nos poidan resultar máis apetecíbeis en base a iso, que nos poñen diante. Así parece que decidimos entre Netflix ou HBO, Tinder ou Meetic... Estamos escollendo sobre cuestións moi preestabelecidas, e isto pódese trasladar a moitos espazos da vida.

"Romper os moldes do que significa a filosofía"

"A palabra festival intenta fuxir da palestra", recalca Adán. "O obxectivo central é romper os moldes do que significa a filosofía", afirma, pois "está en todos os espazos da vida e temos que reflexionar conxuntamente, sen esquemas preestabelecidos. De aí que as mesas sexan abertas, queremos xerar diálogos". Con esta premisa, vólvese esencial a participación do público, presencial ou virtual, pois este último pode tamén mandar preguntas. E para "rachar con eses formatos tan ríxidos da conferencia" aparecen no programa as artes escénicas: "A danza, como unha expresión de pensamento sobre o corpo, e Té con Kant, unha obra filosófica, mostran que a filosofía non é exclusiva dunha parcela de saber, senón que está en todas as relacións diarias". Así mesmo, Adán sinala que "apostar en non cancelar espectáculos é parte do que debe facer o Consello da Cultura Galega".

Comentarios