“O que pagamos pola luz é unha cuestión política envolta en termos técnicos”

Fernando Branco Parga, secretario de Enerxía da CIG, lembra que máis do 50% do recibo “depende do BOE” e lamenta que a ILP por unha tarifa eléctrica galega leve un ano parada no Parlamento. “O recibo da luz non ten lóxica social nin territorial”, denuncia.

fernando branco
photo_camera Imaxe: FB de Fernando Branco

Fernando Branco Parga é experto en enerxía. Foi deputado do BNG e é secretario de Enerxía da Federación de Industria da CIG, un dos relatores da Iniciativa lexislativa popular (ILP) que hai un ano foi admitida no Parlamento e que leva, desde aquela, parada.

- A luz non para de subir desde que comezou o ano e o debate sobre como se conforma o prezo da electricidade volve a primeiro plano, así como unha pegunta simple: pódense adoptar medidas xa para frear esta situación?

"A carga fiscal no recibo representa o 27%, moi por riba dos outros estados europeos. No Reino Unido, por exemplo, é un 5%"

- O sistema regulatorio é un pouco complexo para quen non estea familiarizado. Mais o que si pode facer desde xa o goberno é actuar sobre a carga fiscal que ten o recibo da luz, e que entre IVE e imposto especial, aprobado en 1997 para a minaría de carbón, supón case o 27%. Unha porcentaxe moito máis alta que a que hai noutros estados de Europa, como Reino Unido, onde é un 5% ou Italia, onde é un 10%. Un 27% de carga fiscal para un produto que é de primeira necesidade! Mais aí o goberno non está interesado en actuar, é unha importante vía de recadación.

Ademais habería que modificar a fixación de criterios no mercado eléctrico, no ‘pool’. Non é lóxico que a enerxía máis cara é a que dea o prezo para o resto.

- Entón o recibo da luz é, por dicilo así, unha cuestión política máis que técnica...

É unha cuestión política envolta de termos técnicos, o que fai difícil entendelo para quen non estea familiarizado. Máis do 50% do recibo é política, depende do Boletín oficial do estado (BOE).

"Sportamos os custos de producir enerxía, somos excedentarios na súa transformación  mais non podemos beneficiarnos"

- Afirmas que o recibo da luz non ten ningunha lóxica, nin social nin territorial

Hai que ter en conta unha cuestión: máis do 50% do recibo decídeo o goberno, son as peaxes. Aí van cuestións como, por exemplo, as axudas extrapeninsualres, que é duns 1.800 millóns de euros anuais, ou as subvencións encubertas a grandes industrias (uns 600 millóns de euros). Mais no recibo hai máis conceptos, como a moratoria nuclear, que acabou o ano pasado: durante estes anos pagamos por ela 5.700 millóns de euros. Ou as primas de capacidade a determinadas enerxías. E tamén está o déficit tarifario, que nos sae neste ano en 2.600 millóns de euros.

Hai moitas destas cuestións que non teñen lóxica, máis aínda se o miramos desde Galiza, onde nos toca ser solidarios con todos. Somos execentarios na transformación de enerxía, deficitarios en materias primas. Ano tras ano por volta dun 40% da nosa enerxía vai para fóra. Producir enerxía non é unha actividade neutra, ten custos sobre o territorio, custos sociais (encoros, muiños,...) Nós soportamos eses custos e non nos beneficiamos en nada.

- Hai un ano a ILP sobre unha tarifa eléctrica galega era admitida no Parlamento. Desde aquela, non se soubo máis...

O que fixeron foi parala. Após se admitir falouse dunha comisión  de expertos para que se pronunciasen a respecto dela, unha comisión que nunca se fixo para ningunha outra ILP. E aí ficou.

- O constante incremento da luz nestas semanas non só afecta as familias, tamén ten pegada na economía, nomeadamente na industria..

- Xa que temos capacidade de producir enerxía e soportamos os custos que iso ten, fagamos diso unha vantaxe competitiva pata as nosas empresas e industrias. Os vascos ben que pactaron unha tarifa para a súa industria e o goberno español acabou aceptándoa. Con ela, a industria vasca paga 50 millóns de euros menos ao ano. Iso de que ten que haber unha tarifa única para todo o estado é un discurso interesado, claro. Non é así noutros estados, como Reino Unido ou Alemaña. O que pasa é que no estado hai territorios moi deficitarios en enerxía, nomeadamente Madrid. E iso non lles convén.

Comentarios