Paco Vázquez S.A.

Os anos de Francisco Vázquez á fronte da Alcaldía da Coruña dan para moito. Empoleirado á fronte do consistorio por un sector do capital da cidade, remata por converterse nun deles, até operar como administrador solidario dun poderoso grupo empresarial familiar xurdido nos seus anos de alcalde. Definitivamente, o de Paco son os negocios.

paco vazquez europa press
photo_camera Francisco Vázquez (Europa Press)

Os negocios da familia do ex alcalde da Coruña Francisco Vázquez marchan ben. A sociedade patrimonial familiar, Iglevaz, acrónimo dos apelidos do antigo rexedor coruñés e da súa esposa, Carmen de la Iglesia Illanes, declara uns beneficios para 2018 de 373.156 euros e un patrimonio neto próximo aos tres millóns de euros. Os resultados económicos do exercicio significan unha importante mellora en relación coas contas do ano anterior, onde a compañía confirma ganancias por 42.444 euros e un patrimonio de 2,1 millóns de euros.

Iglevaz, fundada en 1998 con Francisco Vázquez á fronte da Alcaldía da Coruña e co presidente da patronal coruñesa Antonio Fontela como máximo executivo, é transferida por este á muller e ás fillas de Vázquez en xuño de 2002. A sociedade, onde o propio Vázquez exerce como administrador solidario durante algún tempo após cesar como embaixador no Vaticano, está presidida pola súa filla Elena Vázquez de la Iglesia e fan parte do consello de administración o seu fillo Francisco e a súa esposa María del Carmen. Reparte dividendos en 2018 entre as súas accionistas por 100.000 euros, se ben nas súas contas sinala que as conselleiras non reciben ese ano “ningunha achega en concepto de salario, dieta ou outra remuneración”.

Hidroeléctricas do Arnoia é a xoia da coroa do conglomerado económico da familia  Vázquez Iglesias. A mercantil declara uns activos superiores aos 12 millóns de euros, un valor en libros de 9,5 millóns, uns beneficios de explotación de 1,2 millóns entre 2015 e 2016 e prepara unha ampliación para aumentar a capacidade de produción por un monto de 2,4 millóns. A empresa non require acudir a resultados para repartir dividendos, nunha mostra da súa fortaleza financeira, distribuíndo entre as súas accionistas 480.000 euros en 2015 e 300.000 en 2016. O informe Ardán, elaborado pola Zona Franca de Vigo, sinala que a mercantil é a sexta empresa do sector hidroeléctrico en facturación, a quinta en valor engadido bruto e a que máis ingresa por empregado.

Manuel Fraga beneficiou a compañía con diversas concesións hidráulicas e eólicas en diversos lugares da Galiza. A primeira delas sitúase no río Corzán, en Negreira, e conta cunha potencia instalada de 3,6 megavatios. Supón a desviación de 1.375 litros de auga por segundo e a súa tramitación comeza en 2002. A segunda atópase no río Xallas, entre os concellos de Negreira e a Serra de Outes, dispón dunha capacidade de 2,3 megavatios e a súa instalación está precedida dun importante conflito veciñal, que rematou coa expropiación dos terreos. Xa en 2005, co Goberno en funcións, Manuel Fraga outórgalle a concesión do parque eólico do Chao (Ourol), unha instalación de oito megavatios, cuxa posta en marcha significa un investimento de máis de 10 millóns de euros.

A xoia da coroa dos Vázquez

A familia de Francisco Vázquez, a través de Iglevaz, controla o 50% das accións de Hidroeléctricas do Arnoia. A sociedade está tamén participada por Gespifont, mercantil patrimonial do dirixente patronal Antonio Fontenla Ramil, vinculado co círculo do ex alcalde da Coruña en diversos negocios. Sen ir máis lonxe, Fontenla Ramil é fundador, administrador único até 2003 e administrador solidario, con Carmen de la Iglesia, até 2006 de Iglevaz, mercantil constituída, casualmente, un mes despois da sinatura dun convenio urbanístico entre Fontenla e o Concello da Coruña, presidido por Vázquez, para reclasificar os terreos de Someso.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios