Pachi Vázquez insta a Rubalcaba a respectar "o federalismo" do PSOE nas primarias galegas

O líder d@s socialistas de Galiza advertiulle ao secretario xeral do PSOE que non se agoche "detrás dos estatutos" do partido para impedir que a militancia se pronuncie nas primarias consultivas. 

O PSdeG seguirá adiante co proceso de primarias diga o que diga Madrid. Así o asegurou esta terza feira o secretario xeral do partido en Galiza en resposta ás preguntas formuladas pol@s xornalistas nos corredores do Parlamento. Para Pachi Vázquez a consulta á militancia é "unha fortaleza" e non debe ser considerada "un problema" polo que reiterou a súa vontade de continuar adiante con ela nas condicións en que foi aprobada pola militancia do PSdeG. 

Nin os estatutos da formación política serven ao líder d@s socialistas para "agochar" a man dura de Ferraz. Pachi Vázquez advertiu a Alfredo Pérez Rubalcaba que a federación galega non ten "a máis mínima vontade de confrontación" e mesmo apelou a "retomar o camiño" do diálogo, mais exixiu que desde Madrid se respecte o carácter federal do partido se é certo que apostan "polo federalismo autonómico" en termos políticos. "O exemplo comeza por un mesmo" indicou Pachi Vázquez en relación coa ruptura do acordo acadado inicialmente entre ambas as dúas faccións a respeito das eleccións primarias convocadas para elixir o sucesor do do Carballiño á fronte do PSdeG. 

Pachi Vázquez amosouse moi crítico coa postura de Ferraz e mesmo cuestionou a capacidade da sociedade para crer nun partido que malia amosarse capaz de reformar o Senado --como proporá nestes días o propio Rubalcaba-- non o é para permitir, dixo, "que os militantes poidan elixir nunha urna segreda o seu secretario xeral". 

Comentarios