Pablo Sanmartín: "A Revolución Irmandiña mais a revolución de 1846 marcaron o devir da Galiza"

Pablo Sanmartín é responsábel do arquivo municipal do Concello de Teo, un espazo que preserva xoias patrimoniais coas que podemos viaxar desde a historia da Real Fábrica de Papel do Faramello (Ribasar, Rois), a única produción galega de papel durante anos, até a Batalla de Cacheiras (Teo), que o pasado 23 de abril fixo 174 anos. Co confinamento, o traballo de arquiveiro tamén muda substancialmente.  

Pablo sanmartin
photo_camera Pablo Sanmartín é responsábel do arquivo municipal do Concello de Teo.

 

En que consiste o traballo  dun arquiveiro municipal? 

Desde 2007 son o responsábel do arquivo municipal de Teo. Cando cheguei, tiven que clasificar e organizar toda a documentación que, nalquel momento, estaba a monte, disposta sen ningún criterio desde o punto de vista arquivístico. Ao pouco, adquiríronse instalacións novas e comecei a traballar coa documentación de carácter histórico e administrativo. Neste arquivo conservamos bibliografía que vai desde o mesmo ano de constitución do concello, en 1836. Temos series documentais relacionadas coa poboación, padróns de habitantes, quintas... Á parte de todo este material, no día a día tamén traballamos coa documentación que vai chegando nova, pois é un arquivo aberto que, na actualidade, conta cunhas 5.600 unidades. Ademais, tamén imos atendendo usuarios externos ou internos, investigadores que ao longo do ano veñen facer traballos, cursos, libros, estudos e demais. Por outra banda, o arquivo está moi vinculado ao eido cultural e, de feito, desde aquí tentamos estendernos nese sentido. A semana pasada foi, desde ese punto de vista, unha das máis fortes porque, á parte de ser o Día do Libro, celebrouse a efeméride do acontecemento histórico máis importante do concello de Teo, a Batalla de Cacheiras. A petición dos compañeiros, fixemos unhas pequenas achegas nas redes sociais sobre este acontecemento. Así mesmo, seguiremos facendo algunha aportación máis en maio, polo Día das Letras Galegas. 

Sobre a Batalla de Cacheiras sacaron unha publicación  en liña, de consulta pública.

Propuxéronme facer unha pequena colaboración sobre estes feitos históricos para falar un pouco da repercusión que tivo esta batalla. Para o meu ver, quizais sexa o acontecemento histórico máis importante do que agora é o concello de Teo. Sempre digo que, para min, hai dous acontecementos na Galiza que marcaron o devir do país: a Revolución Irmandiña, que sacou un pouco a Galiza do medievo, e a Revolución de 1846, que achegou a modernidade á Galiza. Ambas as dúas foron revoltas que resultaron un fracaso porque os seus promotores perderon a guerra, mais das que xerminaron despois ideas que cambiaron o rumbo da nosa historia. Co gallo disto, ocorréuseme facer unha pequena achega sobre os monumentos que hai, tanto no concello de Teo ou no de Carral, como nas propostas que houbo no seu día en Compostela para facer unha pequena homenaxe a estes que se chamaron heroes da Revolta.

Que xoias se poden atopar  no arquivo que tutela? 

Cada investigador ten as súas xoias. Por exemplo, para quen está facendo un traballo de educación é marabilloso poder ver os planos das primeiras escolas de Teo, de finais do século XIX; para quen se interesa polo padrón de habitantes, acceder aos documentos de 1880; tamén poder consultar proxectos de diferentes obras urbanísticas, planos da reforma da ponte medieval de Pontevea... Todos os documentos son xoias. Agora tamén temos unha fototeca con fotografías antigas, máis de 2.000 imaxes... onde cada unha conta unha pequena historia do que pasou en Teo ao longo do século XX.

Nun concello de case 20.000 habitantes, unha persoa soa traballando no arquivo pouco pode facer... Con máis recursos, humanos e económicos, poderíaselle dedicar tempo a este labor cultural, que para min é fundamental. Hai moitos concellos na comarca que nin sequera teñen persoal dedicado ao arquivo. Ás veces hai bolsas da Xunta que destinan uns meses, mais non se lles dá continuidade. Tentamos documentar recursos patrimoniais, turísticos, porque para facer rutas, encontros, actividades... é importante botar man do arquivo e sacar á luz ese material. Nese sentido, tamén colaboramos no xornal Teovivo con informacións do arquivo.

Comentarios