Opinión

Os outros

Enric Juliana refere no seu último vídeo-comentario unha hipótese pouco contemplada até o de agora:

Enric Juliana refere no seu último vídeo-comentario unha hipótese pouco contemplada até o de agora: que os "outros", os que non aparecen co seu nome e apelido nas enquisas, podan acabar sendo decisivos.

Teño confesado en máis dunha ocasión a miña debilidade por Enric Juliana, non me importa voltar a facelo este sábado en que pouco teño que reflectir (isto de ter principios non grouchianos évos o que ten), como tamén teño escrito que se les La Vanguardia non ves o mundo de idéntica forma que se te debruzas sobre El País ou El Mundo, cousas deste teor son definitorias tamén do carácter diferencial, nacional, desa formación social que chamamos Catalunya.

Na partida co poder territorial en xogo temos que estar como país, con representación directa, non intermediada

Pois ben, este 19D Juliana fai distintas cábalas sobre o que pode acontecer no post-20D. E ás xa consabidas de pacto PP+Ciudadanos, PSOE+Podemos+Ciudadanos, Grossen Koalition PP+PSOE, engade unha novidosa, aquela que englobaría tamén aos "outros", os "outros" son os que non aparecen citados polo seu nome nas enquisas das empresas demóscopicas españolas, a outredade periférica dun centro soberbio que quer así negar a identidade que nen coñece nen entende.

Juliana si que pon nome e di que eses "outros" que poden acabar mesmo sendo decisivos para a gobernabilidade son "os nacionalistas vascos, os soberanistas cataláns e os rexionalistas canarios". E aí para. Non di nada máis. Si, non pronuncia o xenticilio galegos. Non nos ve como país relevante.

Este sábado é bon día para que miles de galegas e galegos reflictan sobre iso porque diso é do que van estas eleccións. Do papel que as distintas nacións no Estado vaian xogar na partida que, co poder territorial no albo, se disputará apartir da noite de mañá. Do papel que xogarán Catalunya, Euskadi, até Canarias...Aí nesa partida temos de estar como país, con representación directa, non intermediada.

Este 20D é decisivo para Galiza estar, sendo decisiva, neses "outros" aos que os españois negan o nome. 

Comentarios