As outras 'amizades' de Núñez Feixoo en Pemex

pemex xunta barreas
photo_camera pemex xunta barreas

A pasada terza feira, a detención e posterior entrada en prisión de Emilio Lozoya, ex director xeral da petroleira Pemex  volveu espertar as pantasmas do pasado do presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo. O cacarexado acordo entre a empresa pública mexicana e o Goberno galego para reflotar o sector naval e xerar até 2.500 postos de traballo, con compromisos para a construción de floteis, remolcadores e outras unidades da flota menor de Pemex, e que o titular do Executivo deu a coñecer a tan só cinco meses das anteriores eleccións, está sendo obxecto de investigación polas autoridades mexicanas que solicitaron a detención de Lozoya e pola propia petroleira.

O asunto sobre as “amizades perigosas” de Feixoo vai volver ao Parlamento galego. Onte, o Grupo Común da Esquerda anunciou que pediría explicacións ao presidente da Xunta sobre as investigacións que rodean a detención do ex director xeral de Pemex, e sobre a implicación do seu Goberno neste presunto caso de corrupción.

Ao fío desta cuestión, a portavoz Luca Chao afirmou que o feito de que o presidente non dea ningunha explicación "demostra o respecto que ten polos postos de traballo na Galiza e polos nosos sectores estratéxicos. Só fala do naval cando estamos en campaña e logo deixa caer, como fixo este ano, estaleiros senlleiros do noso país coma Vulcano, sen ser quen de poñer unha soa medida sobre a mesa", criticou.

Non se trata da primeira vez que os grupos con representación parlamentaria piden a comparecencia de Feixoo para dar contas dos seus contactos para a consecución de contratos, mesmo coa propia petroleira de protagonista. Anos atrás, o PSdeG preguntáralle polas xestións que Francisco Ramón Lucas, máis coñecido como Pachi Lucas, fixera, entre outras, para acadar un acordo coa mexicana Pemex. 

A pescuda do PSdeG

Foi en decembro de 2014 cando o entón deputado socialista Xosé Luís Méndez Romeu preguntoulle a Feixoo “que pintaba nas negociacións con Pemex o seu particular ‘Pequeno Nicolas’, o conseguidor?”, non sen antes aclarar que o que lle interesaba non era tanto “a vida privada do presidente”, senón coñecer quen “no seu nome actúa de correveidile, testaferro, ou comisionista en asuntos oficiais”, en alusión a Pachi Lucas. 

Ante este inquirimento, o presidente da Xunta eludiu responder, desviando o tema aos ataques aos contratos con Pemex. “Quere volver manchar a negociación de Pemex? Estou acostumado, señoría. Fixeron toda a súa campaña electoral baseada en que os contratos de Pemex eran falsos. Agora unha nova inxuria, unha nova insidia. Dáme a sensación de que non teñen vostedes remedio”, contestoulle Feixoo, que foi todo o que dixo sobre este misterioso actor nas negociacións que agora están baixo a lupa das autoridades mexicanas.

Imputado por tráfico de influencias 

Pero o certo é que o nome de Pachi Lucas non está vencellado só ao contrato con Pemex. Emerxe tamén na coñecida como 'Operación Zeta', na que figurou como imputado por un delito por tráfico de influencias. Supostamente era o facilitardor de contratos entre a Administración galega e a trama dos cursos de formación liderada por Gerardo Crespo. O propio Crespo, principal encausado e moi próximo ao Partido Popular, chegou a cualificalo como “o conseguidor por antonomasia” da Xunta e “amigo íntimo” do presidente do Executivo galego. 

Após a súa imputación, partidos coma o BNG mesmo pediron a dimisión de Feixoo se este non era capaz de explicar “de maneira convincente” as súas relacións con Pachi Lucas, “un señor que estaba en nómina de Xerardo Crespo e fixo capaña para o Partido Popular e vostede, até seis veces, tras o último consello da Xunta, evitou dar explicacións a pesar das declaracións de Crespo", sinalara o seu portavoz, Francisco Jorquera.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios