Opinión

Outra proba de lume en Escocia

Theresa May vai camiño de converterse en Primeira Ministra electa de Reino Unido e de ver reforzado o seu liderado logo de adiantar a celebración dunhas eleccións que, segundo repetiu en numerosas ocasións, non ían ter lugar ata o 2020.

Mais as enquisas lle eran e son favorables e quixo aproveitar a xa permanente crise do laborismo para tratar de lograr un mandato nas urnas que lle permita levar a cabo unha negociación sobre o Brexit máis cómoda.

Por outra banda, quixo tamén poñer a proba o nacionalismo en Escocia, o seu grande inimigo, e tratar de deslexitimar a petición oficial do Parlamento escocés dun novo referendo de independencia antes de que o Brexit sexa efectivo.

Theresa May pediu aos escoceses que amosaran nas eleccións locais do 4 de maio unha mensaxe clara contra o Scottish National Party (SNP). O programa dos partidos unionistas, especialmente os conservadores e os laboristas, non plasmaban as propostas en material local, senón que lanzaban ao unísono unha soa mensaxe: “Non a un segundo referendo de independencia”. 

May quixo aproveitar a xa permanente crise do laborismo para tratar de lograr un mandato nas urnas que lle permita levar a cabo unha negociación sobre o Brexit máis cómoda

O resultado non puido ser máis claro. Do 46% do electorado que exerceu o seu dereito a voto, 70 por cento optou polas forzas progresistas. O Scottish National Party (SNP)  e os Verdes (Scottish Green) incrementaron o seu número de concelleiros con respecto aos que xa tiñan en 2012. 

Os conservadores tamén conseguiron un moi bo resultado tanto no resto do Reino Unido, onde se alimentaron dos votantes dun case desaparecido UKIP; coma en Escocia, onde claramente beberon dos restos do naufraxio do Scottish Labour. 

O Scottish National Party (SNP)  e os Verdes (Scottish Green) incrementaron o seu número de concelleiros con respecto aos que xa tiñan en 2012

Pero a maquinaria propagandística unionista leva en marcha xa moitos meses, empeñados en ocultar calquera logro ou aparición dos escoceses nas canles estatais e concedendo amplo tempo de intervención ás voces máis extremistas e favorables aos Tories

O tan denunciado nesgo da BBC, que non mingua, reportaba estes días menos concelleiros para o SNP, comparando os resultados en escanos cos de 2007 e non cos das eleccións anteriores do 2012. 

Agora mesmo, o SNP ten a maioría para gobernar concellos como Glasgow, feudo tradicional do laborismo por 40 anos, e enorme logro para o partido liderado por Nicola Sturgeon. Tamén foi o partido máis votado na grande maioría das comarcas de Escocia. 

Así e todo, as directrices están claras por parte de Londres: hai que frear o SNP coma sexa para inflixirlle unha grande derrota nas eleccións xerais do 8 de xuño. 

Nas anteriores eleccións xerais de 2015, Escocia acadou 56 de 59 deputados nacionalistas. Algunhas enquisas auguran agora que os Tories, coa axuda do voto táctico unionista, podería conseguir algún escano máis que o do Secretario de Estado para Escocia, David Mundell. 

O SNP xa está na rúa facendo campaña e cos verdes escoceses, compañeiros na loita contra Brexit e a favor dun referendo de independencia, traballan xa en implícita alianza progresista. De feito, o Scottish Green Party presenta tan só tres candidatos a Londres, e chama a facer fronte común contra as devastadoras políticas dos Tories. 

Theresa May recibe constantes críticas por non querer participar en debates electorais televisados, e a BBC fai o posible para evitar un careo público entre a Primeira Ministra escocesa e a Premier en funcións. 

Para May, estas eleccións supoñen lograr o poder de levar adiante todos os proxectos de Brexit duro, as súas políticas máis xenófobas e reaccionarias e a reconciliación do Partido Conservador, xa que os extremistas do UKIP están retornando á casa común dos Tories.  Falamos de Le Pen, pero poucas diferenzas existen nos argumentos, programa e comportamento dos conservadores británicos.

Falamos de Le Pen, pero poucas diferenzas existen nos argumentos, programa e comportamento dos conservadores británicos

Para Nicola Sturgeon, supón reforzar o seu lexítimo e democrático mandato para defender a Escocia fronte ás ofensas constantes de Londres e, máis que nunca, frear o avanzo das forzas conservadoras que o laborismo coa súa complicidade deixou medrar. 

E para Escocia estas eleccións serán outra proba de lume. Unha importantísima decisión entre a defensa das súas Institucións ou o centralismo de Theresa May que claramente vai poñer en perigo a existencia do Parlamento de Holyrood e a soberanía do pobo escocés.  

Comentarios