O habitual balance da Consellaría de Política Social sobre a afección da Covid-19 nas residencias de maiores e de atención á discapacidade só deixa unha baixa por curación no centro Aspace de Sada.
As cifras recollidas onte á noite, e que abranguen desde a noite desta segunda feira, indican que houbo 5 novos positivos, todos eles nos cadros de persoal das infraestruturas. Tres en concreto en centros de maiores: Victoria (Teo); o Incio e Nosa Señora do Socorro (Arnoia). Os outros dous están vinculados a espazos de atención á discapacidade.
As e os usuarios están a sufrir unha situación moi complexa, pero as condicións de traballo das empregadas e empregados tamén resultan complexas e ao límite.
Se tal e como publica hoxe Nós Diario, en xeriátricos como o DomusVi de Outeiro de Rei as e os compañeiros son obrigados a partillar os equipos de protección persoal, non é difícil de entender que actualmente case un terzo dos contaxios nas residencias sexan das operarias.
Mentres que o número de residentes está en 228 (houbo polo menos un falecemento dun usuario de Outeiro de Rei a pasada xornada), o dos traballadores xa chegou a 92.
Tanto nun caso como no outro as instalacións máis afectadas son as do Incio e Outeiro de Rei. En concreto, actualmente hai 37 positivos entre o persoal do Incio e 23 na DomusVi Lugo (Outeuiro de Rei).
Afectados en toda Galiza
Na Orpea en Culleredo padecen síntomas 4 operarias e operarios; son 3 na DomusVi Lalín; 2 na Nosa Señora do Socorro (Arnoia); 2 na Victoria (Teo); 2 na Volta do Castro (Compostela) e outros 2 na Doral (Mos).
O resto repártense nunha afectada en cada un destes residenciais: Ballesol (Oleiros); Oleiros, DomusVi Coruña (Oleiros); DomusVi Noia; Porta do Camiño (Compostela); San Simón (Teo); Os Tercios (Touro); DomusVi Monforte; San Bartolomeu (Xove); La Saleta (Cea); DomusVi Barra de Miño (Coles); Santiago Apóstol (Vilamarín); Vilar de Barrio; Campolongo; Saraiva Sénior (Pontevedra), CRAPD Vigo II e Albi-Beade.
No que se refire ás persoas que viven nestes espazos, o maior número de contaxios está entre en Outeiro de Rei (137), seguida do Incio (58) e de Culleredo (26).
En Lalín hai cinco doentes e en Arteixo e Castro Ribeiras do Lea senllas pacientes.
Atención a persoas con capacidades diferentes
A peor parte está a levala a Ricardo Baro que xestiona Aspronaga en Oleiros. Hai 26 das e dos usuarios con probas positivas e o mesmo sucede con 9 empregadas.
Hai 13 traballadoras en total, polo que habería que sumar as doentes da Braña (A Estrada), Juan Vidán Torres (Compostela), a residencia de atención a persoas con dano cerebral de Castro de Rei e a de Chapela (Redondela).