O Outono Códax conmemora a quinta edición coa gran Naomi Shelton

O Outono Códax preséntase con ansia de conmemorar a súa curta mais sólida traxectoria coa que será a súa quinta edición. O encontro de música negra festexa contar coa gran Naomi Shelton, David Hooper ou The Gospel Session, coa voz de Michelle David, no cartel da súa nova edición. 

naomi shelton

Se de algo se pode gabar o Outono Códax na súa curta mais exitosa historia, é ter traído a Compostela as grandes lendas da música negra con históricos concertos que converteron a capital galega no centro do jazz, do soul ou do rhythm & blues. Nesta quinta edición, que se desenvolverá ao longo de tres sábados consecutivos de outono, o 19 e 26 de setembro e 3 de outubro, non ía ser menos, coa vontade de conmemoración do festival que mostra a súa organización. A presenza da gran Naomi Shelton na súa primeira actuación no Estado é reclamo abondo para converter, máis unha vez, en referencia esta cita musical que cada ano colga o cartel de non hai entradas na Sala Capitol de Santiago. Desta volta, e por vez primeira, o festival expórtase máis alá de territorio galego e inclúe no seu programa un concerto o día 2 de outubro na Sala Acapulco de Xixón. 

Con Naomi Shelton estarán o 3 de outubro Mike Sánchez e Tommy Hunt, vocalista de The Flamingos. A que está considerada como unha das divas da música negra e a última estrela de Daptone Records, estará acompañada no concerto en Compostela do seu coro The Gospel Queens e da súa potente banda na que, entre outros, conta co baixo de Fred Thomas, acompañante de James Brown. A estrela americana David Hooper brillará tamén no Outono Festival nunha das citas imprescindíbeis canda o show The Gospel Sessión con Onno Smit, Paul Willemsen e a voz de Michelle David. 

Os catalás The Velvet Candles e o soul español de The Velvet Candles integrarán un programa que, como cada ano, inclúe unha oferta da música feita en Galiza, desta volta con Transilvanians, The Soul Jacket e Sabela King&The Heartbreakers. 

A nova edición do Outono Codax ofrece, desta maneira, un abano de sons que vai do soul clásico ao  máis emerxente neo-soul, transita polo rhythm&blues e convida a gozar co funk, o  gospel máis espiritual ou a enerxía do rock´n roll pasando polo reggae ou o doo-woop. 

O festival, organizado por Raíña Productions e A Reixa, conta co patrocinio de Martín Códax, e a colaboración de Pousadas de Compostela, ademais de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais do concello. 

Comentarios