O xulgado número tres de Ourense investiga as irregularidades contábeis do alcalde

Ourense vota hoxe a dimisión de Jácome

A batalla política en Ourense líbrase en varias frontes. Unha delas no plano xudicial, onde se investiga a xestión financeira do alcalde. Outra no espazo do relato, con Jácome tentando aparecer como vítima dos poderes económicos da cidade. E unha terceira na esfera institucional, cun concello bloqueado pola división da dereita.
1(1)
photo_camera Pleno da corporación de Ourense. (Foto: Europa Press)
A maquinaria xudicial ourensá xoga agora contra Gonzalo Pérez Jácome. O actual rexedor, tan dado nos seus anos na oposición a acudir aos tribunais, nunha relación nunca aclarada con toda cunha parte dos xuíces da cidade, para combater aos seus adversarios político recibe da súa mesma medicina. Porén, a diferenza das denuncias formuladas no seu momento polo actual alcalde, a presentada polos concelleiros críticos de Democracia Ourensá semella ter certa base. Tanto é así que o xulgado número tres da cidade instrúe xa unha causa, onde segundo as fontes coñecedoras da mesma aparecen documentos que implican a Jácome en practicas irregularidades na xestión das contas da súa formación.
 
O propio Jácome deu a entender nas súa última comparecencia pública a existencia dunha trama política e xudicial na súa contra porén desde as forzas da oposición apuntaron ao interese do alcalde en aparecer como vítima diante da cidadanía. A esta idea reponde boa parte do discurso de Jácome, en cuxa elaboración xoga un papel de relevo o antigo secretario da Deputación de Ourense e actual coordinador xeral do concello, Francisco Cacharro Gosende. Cacharro Gosende, fillo do eterno presidente da deputación de Lugo, Cacharro Pardo, contratado por Jácome cun salario de 90.000 euros anuais xa é coñecido nos círculos políticos da cidade como “A Celestina”, polas súas tentativas de mediación ao longo desta crise entre as diversas familias da dereita local.
 
A vontade de presentarse como unha vítima dos poderes económicos da cidade sitúase no eixo do relato de Pérez Jácome. Neste sentido, nas súas mensaxes nas redes sociais ou nas súas escasas comparecencias diante dos medios de comunicación preséntase como un incorruptíbel oposto á aprobación dunha Plano Xeral de Ordenación Municipal, na súa opinión cheo de operacións dubidosas e enfrontado ás grandes empresas concesionarias que se enriquecen a conta da xestión dos servizos municipais. Así, entre estas última refírese ao interese que ten espertado a renovación dos contratos de limpeza viaria, servizo de auga e transporte urbano, un negocio sen dúbida suculento que move centos de millóns de euros.
 
O BNG discrepa desta imaxe do alcalde ourensá. O seu portavoz, Luís Seara afirma que “Jácome, e en contra do que el mesmo manifesta, non é o paladín contra a corrupción, xa que, representa a expresión mesma da propia corrupción. Jácome non veu para rematar coa corrupción senón para permitir que esta se continúe exercendo”. Ao tempo, critica que “foi incapaz de despexar as dúbidas ao redor da utilización que fai dos fondos públicos que recibe do concello” e considera que “Ourense non merece un alcalde que confunde o público co privado”. “A solución non pasa só pola dimisión de Pérez Jácome como alcalde, é precisa unha rexeneración total da institución”, demanda Seara que hoxe defende no pleno da corporación unha moción onde solicita a dimisión de Jácome.
 
Os socialistas demandan dunha alternativa a esta situación. O máximo responsábel do PSOE en Ourense, Rafael Villarino e o seu secretario xeral na Galiza, Gonzalo Caballero compareceron onte na cidade das Burgas para reclamar unha alternativa a situación de desgoberno da cidade. Ao tempo, a visita do líder dos socialistas galegos ten tamén unha lectura en chave interna de apoio a Villarino, unha vez que a maioría dos concelleiros do grupo municipal discreparon da súa proposta dun Goberno de concertación co Partido Popular de José Manuel Baltar. Nesta, os socialistas reivindican o seu papel de lista máis votada e esixen gobernar
 
O pleno da corporación de Ourense reúnese hoxe por primeira vez desde o estoupido da crise do Goberno local. Os concelleiros e concelleiras deben manifestarse respecto de diversas iniciativas presentadas desde  as forzas da oposición sobre a situación política da cidade. Moi probabelmente saíra adiante unha proposta cos votos favorábeis do PSOE, Ciudadanos e BNG onde se solicita a dimisión de Jácome, porén este está disposto a atrincheirase na alcaldía co só respaldo do seu fiel, Armando Ojea. Malia que a lexislación en materia local dá amplas competencias ao rexedor para gobernar en minoría, o escenario presentase complicado e adiante novos sobresaltos nos próximos días.

O Trump ourensán

Gonzalo Pérez Jácome é cualificado nalgúns sectores como o Trump ourensán. Mesmo, o propio alcalde non nega a súa admiración polo mandatario estadounidense, con quen partilla o seu declarado credo neoliberal. Unha axenda ideolóxica que no caso de Ourense ten afectado moi especialmente ao sector cultural da cidade.

Comentarios