Ourense designa Francisco Cacharro como "city manager"

O Concello de Ourense anunciou onte a contratación como novo coordinador xeral do ente municipal de Francisco Cacharro Gosende, actual secretario da Deputación ourensá e fillo do histórico barón do PP galego Francisco Cacharro Pardo, finado en 2015.
EuropaPress_2695861_pleno_municipal_ourense_alcalde_gonzalo_perez_jacome
photo_camera Pérez Jácome (na foto) salientou o "gran criterio político" do futuro coordinador (Europa Press)

Segundo comunicou a Corporación local, Cacharro incorporarase ao equipo municipal "esta mesma semana, logo de que unha xunta de goberno local extraordinaria ratifique o seu nomeamento".

Con el, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, gaña un novo asesor, que desenvolverá funcións de "city manager", segundo o describiu o propio rexedor cando anunciou, o pasado mes de febreiro, esta nova contratación, polémica por se sumar a un elevado número de postos de persoal eventual –o chamado persoal de confianza– no Goberno municipal e pola súa retribución, de 86.000 euros brutos anuais, superior á do propio alcalde e mesmo do presidente da Xunta. 

Entre as "obrigas" que desempeñará o novo coordinador está a de "engraxar como corresponde a maquinaria do Concello", segundo sinalou onte Pérez Jácome, quen salientou nun comunicado os "grandes coñecementos xurídicos e amplo coñecemento da Administración local" do futuro coordinador, así como o seu "gran criterio político". 

Cacharro Gosende militou no Partido Popular até 2008, cando se afiliou a UPyD, formación da que foi o rostro visíbel en Lugo. Dous anos despois abandonaría tamén as súas filas para ingresar no Partido de la Libertad Individual (P-Lib, agora denominado Partido Libertario), do que chegou a ser secretario xeral no ano 2010.

Comentarios