Otegi: catro anos preso, cero motivos

Arnaldo Otegi cumpre este mes de outubro catro anos preso. Este sábado unha manifestación en Elgoibar, a súa vila natal, pedirá a súa liberdade. Unha petición que roza a unanimidade nunha sociedade tan heteroxénea politicamente como a vasca.

Manifestación pola liberdade de Otegi
photo_camera Manifestación pola liberdade de Otegi

O 16 de outubro de 2009, as Forzas de Seguridade españolas detiñan a Arnaldo Otegi e catro persoas máis (entre elas, Rafa Díez, o secretario xeral de LAB) acusados de intentar reorganizar a dirección de Batasuna. Batasuna era unha das formacións políticas da esquerda abertzale ilegalizadas pola 'Ley de Partidos': Herri Batasuna, Euskal Herritarrok, ANV... Eran os anos de Baltasar Garzón e o seu 'Todo es ETA'. En palabras de Otegi, anos de 'apartheid político' para o independentismo vasco.

En setembro de 2011 a Audiencia Nacional condenaba a Arnaldo Otegi a 10 anos de prisión por pertenza a ETA en grao de dirixente. En 2012, o Tribunal Supremo rebaixaba a pena a seis anos e medio por entender que non ficara probado que fose dirixente.

Son, pois, catro anos preso os que leva este político de Elgoibar, licenciado en Filosofía e que foi elixido polos seus compañeiros da esquerda independentista secretario xeral de Sortu malia estar na cadea. “Non podía ser outro o que ocupase ese cargo”, explicaron. Otegi segue preso. A xustiza española, o goberno español e os medios máis españolistas consideran que é onde ten que estar. A inmensa maioría da cidadanía vasca (e non só a nacionalista) entende que ten que estar libre. O mesmo que centos de colectivos, persoeiros, entidades... a nivel internacional que solicitaron que se lle libere.

Paz

O cese o fogo de ETA débese a un cambio de ciclo no cal a esquerda abertzale circunscribe a súa aposta a vías nas que a loita armada non ten cabida. Unha aposta na que Otegi, e non só el, foi fulcral. A Declaración de Anoeta foi un paso de xigante nese sentido. E leva o selo do de Elgoibar. Non máis violencia armada. Por reorganizar a estrutura política da esquerda abertzale para encetar esa nova vía, foi detido e condenado. Non é o único. O certo é que hai ducias e ducias de vasc@s nas prisións españolas aos que aplicaron a lei anti-terrorista e xulgaron na Audiencia Nacional mais que non foron nin son membros de ETA. Xente como Otegi, si. Ou como Patxo Murga, xornalista de Egin. Ou Pablo Gorostiaga, que foi alcalde de Llodio e membro de Euskal Herritarrok.

Este sábado unha manifestación percorrerá Elgoibar pedindo a liberdade para Arnaldo Otegi e dos outros catro políticos abertzales presos polo caso Beteragune.

Comentarios