'Ostras', por Xoán Costa

ostras

A produción de ostras na Galiza é baixa, unhas cinco centas toneladas por ano e, salvo as cultivadas no Eo, céntrase na Ostrea edulis, ostra plana europea ou ostra de Arcade, aínda que ten tamén bastante importancia o cultivo da Crassostrea gigas ou ostra rizada, procedente do Pacífico. Na Unión Europea prodúcense da orde de cen mil toneladas, o que representa apenas o 2% da produción mundial encabezada por China que produce o 82% do total.

Sen titulo

O consumo da ostra na Galiza está datado no século IV antes da nosa era. Mais no século XVIII a sobre explotación case acaba cos bancos naturais (xa o advertía Cornide Saavedra). Esta sobre explotación alertou a Comisión Central da Pesca que en 1874 acordou establecer dous parques-modelo para criar ostra. Na altura, e hoxe tamén, a tecnoloxía e as ostras impórtanse da Franza, que xa levaba tempo investigando na ostreicultura.

Faro de Vigo recolleu esta noticia propoñendo que o espazo ideal para este parque sería a masa de auga “clara e apracíbel, case de cristal, que se estende diante do Lazareto de San Simón, entre Redondela e San Adrián”. Complementa Faro a argumentación engadindo que a presenza en Vigo de buques, vapores e xente importante das compañías de navegación facilitaría o consumo. Estamos a falar, aínda, da ostra como un produto de luxo, para xente de gosto refinado.

Finalmente foi Ortigueira a eleita. O vinte e dous de setembro de 1876 inaugurouse o Parque modelo de Ostreicultura de Santa Marta, o único oficial do Estado. A cousa foi mal. Fechou en marzo de 1887, oficialmente porque xa non era necesario ao considerar alcanzado o obxectivo de recuperación do molusco.

Máis unha vez, oficialidade e realidade non van da man.

Comentarios