Os verdugos, con nome

Os que mataron máis de 100

Resístense ao papel. Porén, os seus nomes ficaron gravados a ferro na memoria popular. O historiador Xosé Ramón Ermida Meilán, un dos coordinadores de Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, o último libro editado por Sermos Galiza, ofrece unha panorámica sobre a crueldade nas accións de represión e castigo ás persoas demócratas. Eis un extracto da información publicada no Sermos Galiza 259.

[Imaxe: Foto extraída do libro de José Luis Díaz Siembra y memoria. Muerte y evocación de un médico republicano (2010)] Escuadra Negra de Eirexalba.
photo_camera [Imaxe: Foto extraída do libro de José Luis Díaz Siembra y memoria. Muerte y evocación de un médico republicano (2010)] Escuadra Negra de Eirexalba.

2Os máis chegaron a nós entre silencios, en voz baixa e co medo das súas atrocidades aínda cicelado naqueles que viviron entre o terror ou souberon del a través de veciños ou familiares. Outros, os menos, apareceron nas memorias que deixaron as súas vítimas para que algún día se fixese xustiza ou nos testemuños que achegaron á prensa democrática aqueles que deron fuxido da morte que lle tiñan preparada. Son os verdugos da Galiza enteira, o Lis Quibén a aterrorizar Pontevedra ou Fernando Lago Búa, carniceiro entre os carniceiros de San Simón, e tamén Francisco Rodríguez “O Rabioso”, a ciscar a súa rabia entre as xentes de ben de Vigo e o Tito Cuervo, a percorrer A Mariña de Viveiro a Ribadeo no “coche do centolo” sementando a morte e o Vitoriano Suanzes e o Gumersindo Alonso “O Rubio” e Buhigas e de Teresa e así até non rematar.

A publicación do volume Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, libro editado por Sermos Galiza e que achega por primeira vez unha perspectiva global dos verdugos, non só vai cubrir o baleiro historiográfico sobre o tema, senón que abre a porta para novas investigacións que segan a sacudir este ermo e introducir novas perspectivas nun tema que até agora, agás honrosas excepcións, estivo ausente do debate. A represión e os represores fan parte xa da nosa tradición oral, ao pé dos nosos contos máis clásicos, aqueles que falan de meigas, fadas e encantos, aparecen estoutros que reproducen unhas pautas para o conxunto de Galiza e que escapan da disciplina histórica. Ao longo e ancho do país xorden relatos que nos falan dun mesmo patrón de conduta para os verdugos, un mesmo xeito de morrer, sempre atormentados e lembrando as súas vítimas ou unhas características comúns para significar a súa crueldade. Sería logo necesario un achegamento ao tema desde o campo da antropoloxía.

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 259, en que publicamos un especial sobre o Día da Galiza Mártir. Xa na loxa e nos quiosques]

Comentarios