Imprimir

Os camiños inevitábeis das dereitas

Raquel C. Pérez- Europa Press | 13 de febreiro de 2020

Os resultados dos comicios estatais fixaron a dúbida sobre se o Partido Popular volverá acadar unha maioría absoluta na Galiza. Ao tempo, a última enquisa de Electomanía pon na ultradereitista Vox a posíbel chave dun Goberno. As populares amosaron o seu rexeitamento a unha coalición con outras forzas, se ben deixaron a porta aberta a votantes e dirixentes de Ciudadanos e afirmaron a estar dispostas a falar "con quen o pida".

O Partido Popular da Galiza afronta as eleccións do 5 de abril baixo dúas premisas: ofrecéndose como garante da estabilidade e como barreira para frear o nacionalismo. Os resultados acadados nas eleccións estatais de novembro de 2019, nos que as forzas de esquerda superaron as de dereita por unha estreita marxe, abren a porta a unha maior dificultade do PP para renovar a súa maioría absoluta, podendo precisar de apoios para gobernar.

"O que se discute é se imos ter os escanos suficientes para acadar a maioría absoluta, creo que iso é o que está en xogo", recoñeceu onte o propio secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, en declaracións aos medios de comunicación.

Porén, as populares desestiman as reclamacións de Ciudadanos de artellar unha candidatura de coalición como a que preparan para os comicios éuscaros e cataláns e tamén rexeitan apoiarse en Vox. E, con todo, Tellado manifestou desde o PP unha "vontade de diálogo con todo o mundo". "Estamos dispostos a falar con quen o pida", asegurou.

O bastón da ultradereita

A última sondaxe do portal de actualidade política Electomanía concédelle a Vox un escano na súa primeira carreira electoral na Galiza, que cobraría relevancia se se ten en conta que os 37 escanos que, se calcula, obtería o Partido Popular non abondarían para gobernar fronte os 37 das forzas de esquerda.

O propio secretario xeral do partido de ultradereita, Javier Ortega-Smith, asegurou que apoiarían a Alberto Núñez Feixoo nun escenario como o que debuxa Electomanía, se ben cargou duramente contra o candidato do PP. Ortega-Smith asegurou fronte a un centenar de simpatizantes no mes de novembro en Lugo que Vox non entregaría un "cheque en branco" ás populares. O número dous do partido asegurou que demandaría "que se desmonten os chiringuitos das asociacións e organizacións ideolóxicas" na Galiza.

Esta posibilidade situaría o PP nunha difícil posición, pois nos últimos meses trataron de marcar distancias respecto a formación liderada por Santiago Abascal e as posibilidades dun Goberno como o andaluz. O deputado popular Alberto Pazos Couñago asegurou en pleno parlamentar a finais de xaneiro que o seu partido “nunca pactará” con Vox. "E cando o PP di nunca, é nunca", recalcou.

A candidatura do partido de ultradereita na Galiza aínda non foi precisada, se ben xa se comunicou que concorrerá en solitario. As súas integrantes, coordinadas por catro xestoras territoriais que responden ante a súa Comisión Executiva en Madrid, mantéñense polo momento en silencio. Vox ten recoñecido publicamente a súa dificultade para introducirse en territorios cun marcado carácter nacionalista ou independentista. Nas eleccións estatais non obtivo ningunha representante ao Congreso. Tampouco nas municipais de abril, cando quedou fóra dos trece consistorios nos que presentou candidatura. 

Entón mellorou os seus resultados respecto aos comicios estatais de abril, obtendo 7,80% dos votos fronte a 5,29%. A cifra dista moito da súa medida estatal, mais si que lle podería permitir poñer un pé no Hórreo de repetirse nos comicios galegos. 

Coalición con Ciudadanos

"É importante que antepoñamos os intereses de España e de calquera galego, calquera catalán e calquera vasco por enriba de calquera sigla política. E isto hai que facelo para dar unha alternativa gañadora e transversal aos constitucionalistas que viven nestes tres territorios". Con estas declaracións  Beatriz Pino, voceira de Ciudadanos na Galiza, urxiu o PP galego a replicar a fórmula de coalición coa que concorrerán os dous partidos en Euskadi o 5 de abril e nas eleccións catalás.

Pino fixo un chamamento para "frear"  o nacionalismo. "Penso que os nacionalistas van empregar estes territorios para seguir debilitando e minando España", asegurou esta semana. Porén, a conxuntura galega dista tanto da éuscara como da catalá. En Euskadi, PP e Ciudadanos comparten unha posición de debilidade, con 9 escanos as populares e 0 as laranxas. En Catalunya Ciudadanos é o partido forte. Nos derradeiros comicios catalás, que se celebraron en 2017, Inés Arrimadas colleitou 1,109.732 votos, situándose como a primeira forza. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube  

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/os-caminos-das-dereitas/20200212193132091283.html


© 2020 Nós Diario