Os orzamentos de Montoro ven a súa caducidade final máis perto: 29 de nadal

As formacións políticas xa presentaron as súas emendas parciais aos Orzamentos do Estado, entre elas a do PSOE e UP para conxelar os soldos do Goberno ou a do BNG, que entre as súas 233 emendas pide 200 millóns para nacionalizar Alcoa e salvar os postos de traballo.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, e a vicepresidenta económica, Nadia Calviño, após o Consello Ministerial (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, e a vicepresidenta económica, Nadia Calviño, após o Consello Ministerial (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, anunciou aos grupos parlamentarios esta terza feira, 17 de novembro, a súa intención de realizar o pleno de votación do Orzamentos Xerais do Estado o 29 de decembro. Desta maneira, o Goberno español non tería que seguir prorrogando o ano que vén unhas contas que derivan aínda da etapa de Mariano Raxoi na Moncloa.

De feito, a portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, subliñou após o Consello Ministerial que o Executivo ten a "vocación" de que se aproben os Orzamentos de 2021 antes de final de ano, para materializar a súa entrada en vigor en xaneiro. A ministra amosouse confiada en chegar a un acordo con "gran parte" das formacións políticas a través da aceptación dalgunhas emendas parciais, cuxo prazo de presentación finalizou precisamente esta terza feira.

Unha das emendas rexistradas foi da man do PSOE e Unidas Podemos, coa que as forzas que compoñen o Goberno queren autocorrixir o seu propio proxecto de contas públicas. A emenda propón  'conxelar' o soldo do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e de todas as súas ministras e ministros.

O proxecto de orzamentos do Executivo, que chegou ao Congreso o pasado 28 de outubro, contempla que a suba salarial de 0,9% para o funcionariado se aplique tamén a todos os altos cargos da Administración, incluíndo os integrantes do Goberno. De a emenda saír adiante, o presidente cobrará durante 2021 un total de 84.845,16 euros en doce mensualidades sen pagas extra, 763,5 euros menos que o que inicialmente orzaran co incremento de 0,9%. Igualmente, as catro Vicepresidencias quedarán cos seus actuais 79.746,24 euros anuais, e 74.858,1 brutos ao ano recibirán as e os ministros.

Pola súa banda, o Partido Popular rexistrou no Congreso máis 1.500 emendas parciais aos orzamentos, recollendo así o espírito da emenda á totalidade que presentaron a semana pasada. Ciudadanos tamén presentou emendas dirixidas, entre outras cuestión, a rebaixar a 4% o IVE aos servizos turísticos, prorrogar até 30 de xuño os ERTE ou crear un fondo de axudas directas para empresas de turismo e hostalaría de até 20.000 millóns até 2023. 

Esquerra Republicana de Catalunya, coas súas emendas, quere deixar sen orzamento para 2021 a Casa Real, o Tribunal Constitucional, o Tribunal de Contas e o Ministerio de Defensa, así como cancelar os créditos previstos para o uso de gastos reservados, xa que entende que a Coroa é "corrupta", que os tribunais son "órganos represores" e que non debe destinarse diñeiro a "tanques e balas" ou a "espiar" a disidencia política.

Junts per Catalunya rexistrou máis de 350 emendas priorizando as axudas económicas e sociais, entre as que pide crear un fondo Covid-19 e outro específico para poboacións de menos de 20.000 habitantes, partidas para autónomos, pemes e de impulso do emprego xuvenil e crear un gasóleo profesional agrícola, gandeiro e forestal con IVE de 10% e axudas fiscais a agricultores.

Unidas Podemos rexistrou unha emenda xunto a Esquerra e Bildu para frear todo desafiuzamento sen alternativa habitacional até o 31 de decembro de 2022, así como todo corte de subministración básica, como electricidade, gas natural ou auga.

O BNG demanda 200 millóns para nacionalizar Alcoa

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou 233 emendas aos Orzamentos Xerais do Estado exixindo incrementar o investimento para a Galiza en 1.300 millóns de euros, compensar o déficit en infraestruturas do país e en axuda á dependencia e pular polo saneamento das rías.

As emendas do BNG, entre outras cuestións, demandan eliminar a taxa de reposición no emprego público, reducir o IVE na cultura a 4% e incluír nos orzamentos unha partida de 200 millóns de euros para asegurar a intervención pública da planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) para garantir a continuidade da actividade e o mantemento dos máis de 1.000 postos de traballo afectados polo fechamento da fábrica. Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, propón priorizar estas necesidades  en lugar de dedicar recursos á Casa Real e a gastos militares. 

Comentarios