Opinión

Desde Ortegal ao Miño e Máis alá: Nunca Máis

Contra a mentira! Estaredes aí berrando contra a mentira!  Contra a impunidade! Galiza toda, desde Ortegal ao Miño.... Galiza toda, a de fóra das fronteiras, a que ten as raíces aéreas nacidas nesa terra, estará (estaremos) a berrar! O noso berro repinica en todos os cumios do mundo e é universal:

Nunca Máis!

Contra a mentira! Estaredes aí berrando contra a mentira!  Contra a impunidade! Galiza toda, desde Ortegal ao Miño.... Galiza toda, a de fóra das fronteiras, a que ten as raíces aéreas nacidas nesa terra, estará (estaremos) a berrar! O noso berro repinica en todos os cumios do mundo e é universal:

"Eramos máis de 42.000 e a cadea de Laxe a Muxía multiplicouse e eses números non os quixeron dar. E tamén contra eles, conta a súa mentira,  ese día o sol dixo: Nunca Máis!"

Nunca Máis!

Mozas con lágrimas negras lembrarannos o bolero de María Teresa Vera para berrar que non queren chorar así e aquel pranto e tanto amor non poden ser inútiles.  Aquela forza que inventou barreiras (sen patentar), que as botou ao mar,  barreiras domésticas na fortaleza que limpou lágrimas negras non foron mentira ningunha! Sentimos aquela voz que berraba desde a illa de San Simón: eu son barqueira e sei remar! Nas meniñas dos nosos ollos están a redeira, a mariscadora, a vendedora de peixe, alá dentro na cociña, na limpeza dos traxes, das botas, das mans, na limpeza da pezoña co disolvente que desfai mancha e vida! Están aqueles seres vestidos de branco para sempre na nosa paisaxe dos afectos! Na nosa vida para sempre a caída das aves! Denuncias que non poden ser inútiles coa rabia que nos revolve e coa razón que nos lexitima! 

Nunca Máis!

Lembrade agora aquela ladaíña: Menos mal que nos queda Portugal! Lembrade os autobuses portugueses contra os que non puideron, aquel transporte que levou o alumnado desde Verín, Mondariz, Vigo, As Neves, Tui, A Guarda, Tomiño... da Gudiña. Os buses portugueses e os galegos que non se botaron para atrás contra as amezas do mal goberno! Lembrade aquela cadea humana de alumnado, aquel ensino que escribiu na area da praia de Traba: Vida. Todo isto foi verdade e non foi un soño contra aquel pesadelo que existiu! Facede memoria daquel ensino en pé que revivía o mellor daquelas Misións Pedagóxicas, aquel ensino máis libre, de ver e oír, de acariñar cos pés e mans a contorna, aprehendela. Estaban tamén aquela rapazada de Ponte Caldelas, que non puido chegar, e estaba porque abondou o seu desexo e a súa voz contra a represión e censura que se ergueu pola vila... Estaba o ensino malia a lei de calidade en cadeas humanas pola Lanzada, por Samil, pola Xunqueira, pola Coruña, pola Corredoira de Tui... Para prender novas luciñas no mapa de Fontán! sa tea engurrada, mirradiña que é Galiza, tan grande cando se estira pola praia de Soesto, pola duna de Monte Branco, por Arou ou polo Museo de Man! Autobuses portugueses, radios e televisións portuguesas. Eramos máis de 42.000 e a cadea de Laxe a Muxía multiplicouse e eses números non os quixeron dar. E tamén contra eles, conta a súa mentira,  ese día o sol dixo:

Nunca Máis!

"Hoxe seguimos esixindo responsabilidades! Reclamamos a verdade! Contra a impunidade: Nunca Máis!"

Contra a manipulación da prensa, a prensa submisa, a falta de prensa: Nunca Máis!
Mar ferido, asasinado no corpo de Man! Mar ferido! Por ti choramos con forza! Con Indignación! Para que non veñan de Madrid falar con palabras ben fermosas, que nunca nos han parar, nin pagar! Agora como hai dez anos estamos na rúa contra a reforma laboral, contra a lei de educación, pola defensa da sanidade pública.... Pola defensa dos nosos cartos! Pola dignidade do traballo da emigración! Galiza xa non é o boi de palla pola que se laiaba o gaiteiro! Galiza é Nunca Máis, como daquela, o calcañar de Aquiles do goberno reaccionario. Sabémolo, como o soubo Xela Arias, non á impunidade! Contra a burla negra hoxe volverá encherse Galiza de bandeiras, que daquela até os máis vellos que adoitan levar os paraugas polas costas pendurados da chaqueta e que nos mandan ir pola sombra tiñan coma hoxe bandeiras. Bandeiras que denunciaban desde as fiestras... 

Lembrade. Nós volver falar en Madrid o 23F do 2003, con palabras ben fermosas, volvía o galego á corte de  Afonso X, desprazada  de Toledo, nas voces de Miguel de Lira no mundo, de Esther Rivas, mariscadora de Cabo de Cruz, con Francisco Iglesias, mariñeiro,  coa solidariedade co mar, coa nosa forza popular, fonte inesgotábel de sabedoría, entrabamos sen pedir paso co manifesto radical de Manuel Antonio, Nós: Máis ALÁ. Sen traxectos, de segunda como pretendeu o goberno, polo Paseo do Prado e logo na fonte da Cibeles o negro Panchito, tan lanzal, deixou un cravo vermello.  Milleiros de persoa que esixían, como hoxe, a verdade do ocorrido desde que o día 13 de novembro en 2002 o Prestige iniciaba a súa agonía até o seu definitivo afundimento o día 19 do mesmo mes. Esixíase a verdade e que abandonasen os seus cargo os responsábeis das decisións que agrandaron a magnitude da catástrofe. Hoxe seguimos esixindo responsabilidades! Reclamamos a verdade! 

Contra a impunidade: Nunca Máis!

Feitos coma este non poden volver repetirse! Nunca Máis!

Contra sentencias xudiciais que negan a realidade! Nunca Máis!

Feitos coma este son certos!

Como é certo que hoxe desde Ortegal ao Miño, berramos! Nunca Máis!

Desde o corpo-casa portátil, coa lingua, esa patria que amamos, berramos: Nunca Máis! 

Coas nosas voces desde Ortegal ao Miño e Máis Alá, berramos: Nunca máis!

Hoxe como daquela libres para berrar.

Comentarios