Sentenza do 'procès'

Oriol Junqueras: “España non ten interese nunha solución política para Catalunya”

O ex vicepresidente do Goberno catalán, nun artigo publicado nesta terza feira, 16 de outubro, no xornal estadounidense Washington Post, considera que se o Estado español “non quere sentar do outro lado da mesa [de negociación], a comunidade internacional terá que o obrigar a facelo”.

wp-junqueras
photo_camera O 'Washington Post' publicou esta terza feira o artigo de Oriol Junqueras

Spain has no interest in a political solution for Catalonia (“España non ten interese nunha solución política para Catalunya”). Con este titular resume o ex vicepresidente do Goberno catalán, Oriol Junqueras, nun artigo publicado esta terza feira, 16 de outubro, no Washington Post, a situación que se está a vivir no Estado español tras a recente sentenza do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do procès.

Junqueras, condenado a 13 anos de cárcere por sedición, apela nas últimas liñas do artigo a comunidade internacional para que interceda no conflito catalán. “Se España non quere sentar do outro lado da mesa [de negociación], a comunidade internacional terá que o obrigar a facelo ou, no peor dos casos, ocupar o seu lugar”.

O ex vicepresidente catalán considera que o Estado español, coa recente sentenza, “dixo á cidadanía de Catalunya que non ten dereito a decidir o seu futuro dunha forma democrática, limitando polo tanto os seus dereitos civís e políticos”.

Ademais, compara a situación con Turquía, que “condena e encarcera demócratas”, e asegura que “o referendo de autodeterminación é inevitábel; só nos cómpre debater cando e como vai ser organizado”.

Comentarios